Combarro exhibe ao redor de 150 embarcacións tradicionais nun dos eventos mariñeiros máis importantes do país
Combarro, unha das localidades máis visitadas das Rías Baixas, acollerá ao redor de 150 embarcacións tradicionais no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar. O evento, que percorre de modo itinerante os portos galegos e ten carácter bienal, chega a este núcleo do concello pontevedrés de Poio o 29 de xuño e prolongarase ata o 2 de xullo.
Trátase da décimo terceira edición deste certame, considerado unha das manifestacións da cultura mariñeira máis importantes de España. No evento, embarcacións e tripulantes achéganse ao público, ademais de realizar navegacións pola ría de Pontevedra. Estas compleméntanse con outras actividades tales como actuacións musicais, obradoiros, exposicións, mostras de artesanía ou propostas gastronómicas.
Un certame internacional, bienal e itinerante
Cabe destacar ademais o carácter internacional do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, ao reunir participantes chegados desde Portugal, Francia, Croacia, Escocia, Irlanda ou Inglaterra. Así mesmo, este certame conta coa presenza de embarcacións de distintos puntos da xeografía española, tales como o Mediterráneo, o País Vasco ou Cataluña.
Nado en 1993, o evento busca salvagardar a cultura flotante de Galicia á vez que ofrece á persoa visitante unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man os distintos tipos de embarcacións, os seus nomes, usos ou características. E gózase dunha contorna tan única coma a de Combarro, coñecida especialmente polos seus tradicionais hórreos pegados ao mar e o seu conxunto histórico.