Coñece Vigo e os seus murais a punta de pedal
A asociación A Golpe de Pedal Vigo presentou as actividades para o “Mes vive Vigo en bicicleta” o pasado 19 de abril coincidindo co Día Mundial da Bicicleta. O acto estivo acompañado polo alcalde de Vigo Abel Caballero, e o obxectivo, do mesmo xeito que as tempadas anteriores, é dar visibilidade a estas actividades que na edición actual alcanzan a súa onceava edición.
En total serán varias rutas en bicicleta por Vigo para dar a coñecer os diferentes murais da cidade entre outros lugares.
Despois da primeira xornada do 22 de abril, a segunda sesión realizarase o sábado 28 do mesmo mes coa particularidade de que será unha saída “nocturna”. Ten por nome “Bicilúa” e convoca ás e os ciclistas ás 19 horas no Castro. A ruta, de 15 quilómetros, levará ás persoas participantes polos murais do centro de Vigo e finalizará despois dunha “chocolatada” ás 22 horas no mesmo O Castro.
A semana seguinte será a quenda dun encontro máis singular. Neste caso a convocatoria é para aquelas persoas que conten con bicicletas clásicas ou antigas. A saída terá lugar na Pérgola de Bouzas ás 11 horas o domingo 6 de maio. O percorrido é de 6 quilómetros e convídase ás persoas participantes a ir ataviadas con roupa de época.
Ademais da visita ás medianeiras e a “chocolatada”, a saída nocturna permitirá ás persoas participantes a observación da lúa chea
O domingo 13 de maio terá lugar a saída “Operación ring ring” ás 16 horas desde a praza da Independencia. Neste caso a visita guiada desenvolverase polos murais de Coia, Navia e Bouzas. O percorrido é duns 15 quilómetros e do mesmo xeito que a primeira terminará ás 20 horas despois dunha “chocolatada”, neste caso no parque de Castrelos .
O domingo 20 de maio será a quenda de “Ciclismo na rúa”. Aínda que a ruta aínda non está publicada, a saída está programada para as 10:30 horas desde O Calvario e con finalización ás 14 horas.
A última edición é a máis popular. Trátase de dúas xornadas programadas para o fin de semana do 26 e 27 de maio no que terá lugar unha nova edición de “A pedaliña ”. É unha actividade para familias nas que se incluirán talleres, charlas e circuítos infantís entre outras actividades desde as 12 da mañá ata as 21 horas do sábado en O Castro. O domingo é cando se realizará a marcha polo centro urbano a partir das 11 da mañá na Porta do Sol.
Nalgunhas das actividades ofrécese a posibilidade de alugar bicicletas por 10 €. As inscricións pódense realizar na súa web AgdpVigo, a través do seu correo info@bicicleando.es, o Facebook, ou o teléfono 615 917 964.
DepoRutas BTT
Para quen lles guste a bicicleta de montaña, a Deputación de Pontevedra presentou o pasado mes de marzo as súas DepoRutas BTT 2018. Tres xornadas que levarán ás persoas participantes aos puntos da provincia de Sabucedo, Caldas de Reis e Vigo entre os meses de xuño e setembro. A primeira inscrición a partir do 14 de maio.