Cando Stephen Hawking probou as ostras e admirou as camelias das Rías Baixas

O Casco Vello de Vigo recibiu unha visita inesperada o 11 de outubro de 2014. A bordo do Independence of the Seas, un clásico entre os cruceiros que atracan na cidade, viaxaba o físico máis famoso do mundo, Stephen Hawking, que nada máis desembarcar provocou unha enorme expectación na cidade. O científico británico, que faleceu esta madrugada, gozou xunto ao seu equipo da gastronomía das Rías Baixas nun restaurante da zona da Pedra, onde degustaron ostras, mexillóns e peixe sapo con cogomelos, entre outros manxares.
Hawking e os seus colaboradores mostráronse, en todo momento, amables con quen se achegaba a saudalo, felicitalo ou sacarse con el unha fotografía. Algúns deles subíronas ás redes sociais, onde pronto se estendeu que o xenio británico estaba en Vigo. Ás poucas horas, o autor de revolucionarias teorías sobre o Big Bang e os buratos negros subiría de novo ao cruceiro e abandonaría a cidade rumbo a Southampton (Inglaterra), pero un ano despois regresaría ás Rías Baixas.
O cosmólogo mostrouse admirado polos enormes magnolios, percorreu a plantación de albariño do pazo e comeu no Parador de Cambados
Na súa segunda visita Stephen Hawking tamén chegaría a bordo dun cruceiro. O científico máis coñecido do planeta puxo rumbo ao pazo de Rubianes, en Vilagarcía de Arousa, un magnífico recinto cuxos xardíns están declarados de Excelencia Internacional.
Acompañados polo persoal do pazo, construído no século XV e rodeado de viñedos, Stephen Hawking e os seus colaboradores realizaron un percorrido guiado polos extensos xardíns, admirando a colección de camelias e as árbores de gran porte. O astrofísico mundialmente coñecido mostrouse impresionado cos magníficos magnolios do pazo e percorreu a plantación de albariño.
Posteriormente dirixiuse a Cambados, onde comeu no parador co seu equipo. Se na visita a Vigo se decantou por ostras e cogomelos, na capital do albariño probaría outro clásico da gastronomía das Rías Baixas, o rodaballo, entre outros manxares. Hawking fíxose fotografías co persoal do establecemento, ao igual que fixo anteriormente no pazo de Rubianes. Tras a súa xornada no Salnés e gozar da cociña e botánica da provincia de Pontevedra, subiu a bordo do Azura, atracado na terminal de cruceiros viguesa.