Cunqueiro volve a Lalín para celebrar os 50 anos da Feira do Cocido
O gusto de Álvaro Cunqueiro pola boa mesa é dabondo coñecido por calquera persoa que se asomou á obra do autor mindoniense, que nos deixou asinados clásicos da literatura gastronómica como A cociña galega ou A cociña cristiá de Occidente. A Cunqueiro, que se declaraba "gastrónomo practicante", non só lle gustaba escribir sobre cociña senón tamén cociñar e catar diversos pratos. Por iso non lle debeu resultar difícil no seu día enxalzar o cocido lalinense, cando lle encargaron que fose o primeiro pregoeiro da Feira, en 1969.
Desafortunadamente, non se conserva o texto orixinal daquel primeiro pregón de Cunqueiro, pero o seu rastro quedou nos escritos gastronómicos nos que menciona o cocido, e agora tamén nunha curtametraxe documental lanzada polo Concello de Lalín para celebrar o 50 aniversario da Feira do Cocido.
O audiovisual, de sete minutos de duración, comeza coa recreación de Álvaro Cunqueiro chegando a Lalín en coche, mentres repasa o seu pregón. A partir de aí, a peza intercala imaxes históricas e actuais da festa e recréase na suculenta combinación de sabores do cocido: as carnes brancas e vermellas, o ácido do grelo, a humidade da pataca, a dozura do repolo e a irreverencia do garavanzo. Tamén fai referencia ao proceso de transformación dos produtos do porco e á beleza do patrimonio natural e cultural de Lalín, sempre coa voz en off de Cunqueiro como fío condutor.
Ademais, a curtametraxe detense en analizar o vínculo da Feira do Cocido coa arte, que se manifestou na elección dos seus pregoeiros e pregoeiras, homes e mulleres de recoñecido prestixio literario, político e musical; e na calidade estética dos carteis anunciadores, que teñen entre os seus deseñadores a Laxeiro , Fortes, Sucasas e Alicia Alonso.
Xira do Bus do Cocido
O Bus do Cocido, o autocar da Feira do Cocido que percorre a xeografía galega ofrecendo tapas de produtos típicos de Lalín , continúa a súa xira de promoción. O 24 estivo en Monforte de Lemos, o día 25 en Ponferrada e o 29 de xaneiro recalará no Barco de Valdeorras. A xira terminará en Santiago de Compostela o 31 de xaneiro.
A propia celebración da Feira do Cocido, declarada de interese turístico nacional, terá lugar o 4 de febreiro, cunha variada programación de festexos que inclúen actividades de gastronomía, entroido e música.