Cuntis pecha o entroido coa Festa do Lacón con Grelos
O lacón con grelos é un prato típico da cociña tradicional galega que se adoita preparar na época de entroido, cando o grelo está no seu mellor momento. En Cuntis levan 21 anos convertendo esta receita en protagonista dunha das súas festas máis importantes, declarada de Interese Turístico de Galicia.
A Festa do Lacón con Grelos de Cuntis celébrase o domingo seguinte ao Domingo de Entroido e combina a degustación gastronómica con actuacións musicais e diversas actividades lúdico-culturais que atraen cada ano a miles de persoas.
A celebración ten a súa antesala no concurso Tapa Lacón, que en 2018 celebra do 2 ao 4 de febreiro a súa novena edición. Trátase dun concurso que permite probar en 15 pequenos bocados as orixinais propostas da hostalería local para reinventar o lacón con grelos. Con cada consumición sérvese unha tapa gratis e os participantes que elixan a súa proposta favorita poderán optar a diversos premios.
O lacón con grelos de toda a vida, acompañado dunhas filloas de sobremesa, poderá degustarse o día grande da festa, o 18 de febreiro, na carpa habilitada para a ocasión na praza da Constitución e nos restaurantes e casas de comidas da localidade. O pregoeiro este ano é o actor Carlos Blanco.
Ademais, a xornada estará amenizada polas actuacións de The Bichos Jazz, Gallifunk e a Banda de Música de Cuntis . Tamén se celebrará a mostra de bonsais de camelia e a ruta de Vespas e Lambrettas. Para os participantes da ruta de motos clásicas organizarase na véspera da Festa do Lacón con Grelos un Vespaguateque inspirado nos anos 60, que contará coa actuación de Los Diablos.
Enterro do Chapante
A Festa do Lacón con Grelos termina cun acto tradicional do entroido, o Enterro do Chapante. Do mesmo xeito que noutras localidades das Rías Baixas teñen figuras como a sardiña, o ravachol, o momo ou o meco, en Cuntis despiden o entroido enviando á fogueira ao chapante, persoa comellona e folgazana que representa unha crítica mordaz ás xentes que viven sen "dar pau á auga". Viúvas, carpideiras, sancristáns, amigos e amigas e público en xeral acompañan o chapante nos seus últimos momentos, nun percorrido polo centro histórico no que se pronuncian responsos e pregarias. Finalmente, o gran comellón é incinerado como colofón á degustación gastronómica e ao entroido.