Rías Baixas pulveriza os datos de ocupación turística de 2020 e consolida o seu liderado en Galicia
A ocupación turística en agosto na provincia de Pontevedra “rachou” coa pandemia. O destino Rías Baixas pulverizou os datos do ano 2020 e, incluso, a maioría das comarcas melloraron os resultados do ano 2019, previo á crise sanitaria da Covid. Cunha media do 83% de ocupación, 21 puntos máis que en 2020, a mesma media que en 2019 e só un punto por debaixo de 2018, que foi un ano extraordinario para o turismo, a provincia de Pontevedra revalidou este pasado mes o seu liderado como puntal turístico de Galicia e situouse na zona top dos destinos de todo o estado.
Mención especial merecen os “impresionantes” datos do turismo rural, cunha ocupación media na provincia do 90,7% (son 6 puntos máis que agosto do 2019 e 11 puntos máis que en 2020) e das vivendas turísticas, con practicamente un 100% tanto na costa como no interior, 9 puntos por encima do 2020, e con destinos como Cangas, Baiona, Sanxenxo, Nigrán, Vigo, Pontevedra, O Grove, Poio ou Bueu que non puideron atender toda a demanda. Tamén o dato das visitas ao Castelo de Soutomaior foi extraordinario, co mellor dato de agosto da súa historia. Conseguiu un total de 8.008 visitantes que pasaron por taquilla, case 2.000 persoas máis que en 2020 e 2.100 máis que en 2019, é dicir, un incremento do 35,6%, o que amosa, segundo Carmela Silva, que “todo o esforzo que estamos a facer de promoción vese recompensado”.
O territorio con máis visitantes de Galicia
Para a presidenta provincial, os “espectaculares” datos turísticos “converten a Pontevedra Provincia no territorio con máis visitantes de toda Galicia e unha das zonas top de todo o Estado no mes de agosto”. A presidenta da Deputación fixo especial fincapé na importancia do turista nacional (supuxo un 95%) e á importancia da promoción de Pontevedra Provincia “como destino seguro, sostible e multiexperiencial”, consecuencia da labor das promocións levadas a cabo pola institución, “que teñen millóns de impactos e están a ser un elemento relevante para facer chegar as nosas propostas”.
Tendo en conta o perfil do turista que pasou polas oficinas da Deputación nese mes, o 41% escolleu as Rías Baixas polo ocio e o 34% pola cultura, Carmela Silva incidiu en que os datos amosan tamén que “a xente busca un turismo multiexperiencial e temos que ter moita oferta para responder a esta demanda”. “Hai que escapar do monocultivo turístico –dixo-, porque temos que facer promoción do que demandan as persoas viaxeiras no século XXI, e demandan cultura, patrimonio, ocio ou turismo deportivo”.
Os magníficos datos de ocupación hoteleira en agosto se estenden a todas as comarcas, que non só superan os datos de agosto de 2020 senón que en moitos casos tamén obtiveron mellores resultados que en 2019. É o caso do Morrazo, que liderou a media en agosto cunha ocupación do 89,5%, o que supón 2,5 puntos máis que en 2019 e 12 puntos máis que en 2020.
O Salnés acadou un 88,4% medio punto máis que no 2019 e 26 máis que no 2020, mentres que o Baixo Miño tivo un 87,5%, unha décima máis que en 2019 e 16 máis que en 2020. Por outra banda, a comarca de Vigo rexistrou un 87%, a mesma ocupación que en 2019 e case 30 puntos máis que en 2020; Pontevedra o 85%, 1 punto menos que 2019 e 23 puntos máis que en 2020; a comarca de Caldas un 81,4%, 5,5 puntos máis que en 2019 e 33 puntos máis que en 2020; a comarca de Deza-Terra de Montes un 74%, 4 puntos menos que en 2019 e 26,4 puntos máis que en 2020 e a comarca do Condado-Paradanta un 73%, un punto menos que en 2019 e 4 puntos máis que en 2020.
O efecto #RíasBaixasFest e o auxe do turismo rural
No que respecta á ocupación nos principais concellos turísticos, foi liderada por Baiona, cunha ocupación media do 90%, a mesma que no 2019 e 31 puntos máis que en 2020, seguida por Vigo, que conseguiu un 89,2%, con picos do 100% no Marisquiño, San Roque e nos fins de semana. É un punto máis que en 2019 e 14 puntos máis que en 2020. A mesma ocupación do 89% acadou Sanxenxo, que no 2019 tivera un 90% e sube 25 puntos respecto ao 2020. O Grove obtivo un 87,2%, un punto máis que en 2019 e 24 puntos máis que en 2020 e Pontevedra un 82,2% (en 2019 foi do 87% e son 19 puntos máis que en 2020).
Nos datos do turismo rural, a comarca de Caldas liderou a ocupación, cun 98,7%, 7 puntos máis que en 2019 e 13 puntos máis que en 202o, seguida pola comarca do Morrazo, cun 97,6%, 6 puntos máis que en 2019 e 8 máis en 2020. O Baixo Miño tivo unha ocupación do 95,8%, 5 puntos máis que en 2019 e 4 máis que en 2020; a comarca de Pontevedra 94,2%, 14 puntos máis que 2019 e 19 máis que en 2020; O Condado-Paradanta 88,7%, 7 puntos máis que en 2019 e 8 máis que en 2020 e a comarca de Vigo 85%, 11 puntos máis que en 2019 e 17 máis que en 2020. O Salnés acadou un 85% (no 2019 tivera un 89% e sube 10 puntos respecto ao2020) e Deza-Terra de Montes tivo un 80,4%, 9 puntos máis que 2019 e 6 máis que en 2020.
Nos cámpings houbo datos tamén moi positivos, cunha media de ocupación en agosto da provincia do 70%. Son só 5 puntos menos que en agosto de 2019 pero 4,5 puntos máis que en 2020. O Salnés, O Morrazo e a comarca de Vigo pasaron do 83%,superando todas elas os datos de 2019. O Condado-Paradanta chegou ao 60% e o Baixo Miño ao 42%.
No que respecta ao perfil das persoas que acudiron ás oficinas de información turística da Deputación foron maioritariamente persoas españolas (95%) procedentes de Barcelona, Madrid, Alacante, e Biscaia. En canto ás persoas estranxeiras (5%) proveñen maioritariamente de Portugal, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido. A media de idade sitúase entre os 35 e 60 anos e permanecen na provincia maioritariamente entre 7 e 15 días. O 48% das persoas que viñeron non coñecían previamente o destino.
Estimacións para setembro
Respecto ás previsións para setembro, a presidenta provincial adiantou que se agarda, con toda a prudencia, unha ocupación hoteleira superior ao 43%. Para a comarca de Vigo esta estimación sitúase no 52,1%; no Baixo Miño no 51,3%; no Salnés no 46%; na comarca de Deza e Terra de Montes no 50%; na de Pontevedra no 43,4%; na de Caldas no 39,2%; no Morrazo nun 38% e no Condado-Paradanta no 25,2% . No que respecta aos concellos, agárdase un 52,7% en Vigo; un 51% en Pontevedra; un 47,9% en Sanxenxo; un 46% en Baiona e un 40% no Grove. Para o turismo rural espérase unha ocupación do 35,7%, para os cámpings o 27,4%, e para as vivendas turísticas agárdase que a primeira quincena deste mes de setembro supoña o 60% de ocupación destes establecementos.