Decenas de actividades para festexar A Ruta do Viño Rías Baixas
Os próximos 26 e 27 de maio volven as Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño Rías Baixas. A súa sétima edición vén acompañada, ademais dos tradicionais Buses do Viño, doutras actividades como enoexperiencias, actuacións, ceas ou diversos obradoiros.
Buses do Viño
O sábado 26 de maio é o día elixido para a nova edición de Buses do Viño. Un total de nove autobuses levarán ás e os participantes por varias adegas das diferentes subrexións da Denominación de Orixe. Concretamente un autobús será fretado para as adegas do Rosal, dous autobuses para as adegas do Condado do Tea e seis para as do Val do Salnés .
As saídas terán lugar principalmente nas cidades de Vigo e Pontevedra e unha tamén desde Santiago de Compostela entre as 10:00 e 10:30 da mañá. Cada autobús dirixirase a dúas ou tres adegas ademais de realizar outras actividades. A programación xa indica que a primeira visita está prevista para as 11:30, a segunda ás 13:00 horas e a terceira visita ou actividade para as 17:00 horas con regreso ao momento de recollida ás 19:30 da tarde.
Entre as actividades máis destacadas, o bus 1 ofrece unha actividade musical, o bus 2 unha cata de 6 viños maridada con produtos de Galicia Calidade, o 3 a visita a unha terceira adega, o 4 un paseo en catamarán pola ría de Arousa, o 5, unha cerimonia de té no pazo Quinteiro da Cruz, o 6, elaboración de xabóns naturais con viño albariño no pazo Rubianes, o 7, un showcooking, o 8, un obradoiro de cata e o 9, outro de elaboración de licores.
Actuacións especiais
Entre estas actividades emprázase a actuación do ilusionista Cayetano Lledó na adega Condes de Albarei ás 20:00 horas o 26 de maio, e a sesión musical matutina de Odaiko Percusión na adega Gran Bazán ás 12:00 horas o domingo 27.
O prezo para os Buses do Viño é de 5 € adultos e de 2,5 € menores de 3 a 13 anos sen incluír a comida e pódense adquirir a través da taquilla. Mentres, o prezo das actuacións especiais é de 5 € adultos e de 3 € menores de 3 a 13.
Destaca a diversidade de actividades como un paseo en catamarán, catas de viño ou un showcooking
Visitas guiadas gratuítas a bodegas
Ademais destas actividades previstas, unha trintena de adegas abrirán as súas portas para realizar visitas guiadas gratuítas á mesma hora que o fan os Buses do Viño. É dicir, ás 11:30, 13:00 e 17:00 horas, e unha sesión máis o domingo ás 12:00 da mañá.
Enoexperiencias
As accións para estas xornadas de 2018 continúan grazas á colaboración de máis establecementos asociados ás Ruta do Viño Rías Baixas. Neste caso, outros oito pazos e adegas ofrecen actividades como obradoiros de cociña con produtos de Galicia Calidade (Adega Eidos), visitas guiadas con degustación e música incluída (pazo de Rubians), catas comentadas (pazo Pondal), visita a xardíns con sesión de terapia de benestar (pazo Quinteiro da Cruz) e mesmo unha ruta de sendeirismo (Terra de Asorei).
Neste caso, o custo variará segundo a actividade, e as persoas interesadas deberán contactar cos propios establecementos para as reservas. A información para estas actividades, as visitas guiadas ou os Buses do Viño pódense completar a través da propia páxina da Ruta do Viño Rías Baixas .
No caso das propostas oficiais da Ruta do Viño o contacto pódese realizar a través dos teléfonos 986 091 088 ó 687 523 230 ou escribir ao e-mail info@rutadelvinoriasbaixas.com.