Degustación de richada e andaina turística, un plan redondo en Forcarei

A richada é un prato tradicional de Galicia elaborado con carne de tenreira galega, aderezada con viño branco, pemento doce e cebola. Trátase dunha deliciosa receita que se serve coa carne guisada e cortada en anacos en pezas pequenas, acompañada de patacas e pementos.
En Forcarei son especialistas en elaborar esta receita e cada ano celebran, o primeiro fin de semana do mes de decembro, unha festa gastronómica para dar a coñecer o seu prato estrela. A edición deste ano, que terá lugar do 1 ao 3 de decembro, incorpora outras actividades ademais da degustación, para ofrecer aos e as visitantes alternativas para pasar o día no municipio.
Como é habitual, durante os tres días da festa, os establecementos de hostalería ofrecerán un menú especial a 15 euros que inclúe un primeiro prato a escoller e richada de segundo. A organización, encabezada polos restaurantes da localidade, sinala que é conveniente reservar sitio.
Ademais, para o sábado pola mañá programouse unha ruta de sendeirismo, a "andaina da richada", con 9,5 quilómetros de percorrido, que discorrerá polos principais lugares de interese de Forcarei. As persoas participantes poderán coñecer as Neveiras de Fixó , Pena de malpaso, o miradoiro de Grovas e o pazo de Hermosende. A inscrición é gratuíta, pero debe formalizarse no concello antes do 30 de novembro.
Outra alternativa para pasar a mañá do sábado é o taller de pesca con montaxe creativa de mosca, que terá lugar no restaurante Vitoria, a cargo de Mosqueros do Deza. Xa pola tarde, o Observatorio Astronómico de Forcarei celebrará unha xornada de portas abertas con explicacións da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura.
O domingo pola mañá terá lugar unha ruta BTT de 30,5 quilómetros, de novo unha actividade gratuíta que require inscrición. A sesión vermú na praza da Igrexa, á unha da tarde, poñerá fin á programación de lecer da Festa da Richada 2017.