Descobre tres roteiros literarios gratuítos polos cemiterios históricos das Rías Baixas

Os cemiterios poden chegar a converterse en verdadeiras obras de arte onde admirar a súa arquitectura, con icónicas pezas da arte funerario de diferentes etapas como esculturas, mausoleos e mesmo capelas, e que ademais, relatan a historia dun lugar, como é o caso dos das Rías Baixas. Ademais alí descansan ilustres personaxes, desde grandes escritores a músicos, líderes políticos e insignes empresarios.
A Deputación de Pontevedra acaba de presentar a segunda edición das visitas guiadas aoscemiterios históricos da provincia de Pontevedra, con tres roteiros literarios polos camposantos de Pereiró (Vigo), San Mauro (Pontevedra) e Santa Mariña de Dozo (Cambados). As visitas guiadas, serán gratuítas, e terán lugar os domingos 21 e 28 de outubro en horario de mañá, de 11 a 12:30 horas.
As prazas son limitadas, haberá un máximo de 25 persoas por grupo, polo que será necesario inscribirse a partir de mañá ás 9:00 horas en visitasguiadas@depo.es. Para a reserva será necesario indicar o número e o nome da ruta, os nomes das persoas que desexen inscribirse (un máximo de 4 por solicitude), e un número de teléfono.
“Queremos poñer en valor o noso patrimonio e temos un número moi relevante de cemiterio singulares”, explicou Carmela Silva ao dar conta dos roteiros literarios.
Os percorridos centraranse nalgúns aspectos como a orixe, a historia, a evolución, a iconografía relixiosa e os epitafios máis destacados desde unha perspectiva literaria. As visitas virasen ao redor de diversas figuras literarias como Concepción Arenal, no caso de Pereiró (ruta 1); Alexandre Bóveda, en San Mauro (ruta 2), e finalmente a través do personaxe de Josefina Branco, no de Santa Mariña de Dozo (ruta 3).
A continuación presentámosche cada un dos cemiterios destes tres roteiros literarios. Reserva a túa praza e descobre cada un deles de primeira man.

Pereiró, Vigo
A orixe deste cemiterio urbano, o máis grande da cidade olívica, remóntase ao século XIX, e é de gran relevancia pola riqueza das esculturas que alberga, ademais dunha capela neogótica e un cemiterio civil. O itinerario centrarase na figura de Concepción Arenal, que conta cun dos monumentos máis destacados deste camposanto, obra do arquitecto Manuel Gómez Román, e levantado polo concello na honra á escritora.
José María Álvarez Blázquez, Tomás Argüelles, Urbano Lugrís ou María do Carmo kruckenberg serán outros dos personaxes relevantes do mundo das artes e as letras nos que se centrará esta particular viaxe literaria.
Ademais este camposanto alberga importantes epitafios de personaxes como Cachamuíña, heroe da Reconquista; membros das sagas Alfageme, Massó e Albo, da industria conserveira; o que fora ministro e encargado da abolición da escravitude durante a rexencia de Cánovas, José Elduayen Gorriti; ou Heraclio Botana, líder obreiro fusilado no ano 1936 neste mesmo cemiterio.

San Mauro, Pontevedra
Este cemiterio de estilo neoclásico, o máis grande da capital, foi construído e deseñado a finais do século XIX polo arquitecto Alejandro Rodríguez-Sesmero. Unha actriz, que interpretará a M.ª Victoria Moreno, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, será a encargada de guiar ás e os visitantes por este curioso percorrido literario.
A Capela de San Mamede, trasladada ao interior deste recinto nos anos 60 –una das modificacións máis significativas que sufriu este recinto desde a súa orixe–, será unha das escalas deste itinerario. Figuras destacadas como a do político Alexandre Bóveda ou o filósofo Indalecio Armesto, cun destacado epitafio debido á súa gran simboloxía masónica, atópanse no cemiterio civil deste recinto, lugar onde descansan algunhas persoas represaliadas no ano 1936.
A visita vira ademais ao redor doutras figuras de prestixio no mundo das artes e as letras como os irmáns Muruais ou Daría González, entre outros.

Santa Mariña de Dozo, Cambados
Santa Mariña de Dozo está considerado como un dos cemiterios máis fermosos e singulares de Galicia. Inmerso nas ruínas dunha igrexa do alto medievo, catalogado desde 1943 como Monumento Histórico-Artístico, forma parte da Rede Europea de Cemiterios Singulares.
A destacada actriz de finais do século XIX Josefina Blanco , e que ademais foi esposa do literato Ramón María del Valle-Inclán, será o eixo principal deste roteiro literario. A visita guiada a este cemiterio centrarase naquelas figuras relacionadas coa vila de Cambados. Vale-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Ramón Cabanillas y Plácido Ramón Castro del Río serán algúns dos literatos destacados que formarán parte desta visita pola súa relación con este municipio da provincia de Pontevedra.