A colosal iluminación do Nadal en Vigo da outra vez a badalada
O despregamento de decoración do Nadal de Vigo é tal que xa alcanza eco nacional. Ata nos telexornais de mediodía dedican espazo á iluminación da cidade, que este ano volveu a sorprender cunha xigantesca bóla instalada xunto ao céntrico Farol de Urzáiz, ao carón da rúa Príncipe. Ao outro, na Porta do Sol, volverá lucir o xa clásico abeto, que "crece" ata alcanzar os 31 metros de altura. Alí darase o inicio oficial á campaña do Nadal o sábado ás sete da tarde co tradicional aceso.
A iluminación da árbore e a bóla é dinámica, con xogos de cores, o que fai máis vistoso o espectáculo. O persoal técnico da empresa que instala a iluminación –a mesma que se encargou de colocar as luces do Nadal en rúas do centro de Nova York, Tokyo ou Dubai–, realizaron probas as noites pasadas ante a sorpresa das e dos viandantes. Os vídeos circularon como a pólvora nas redes sociais, xerando centos de comentarios. Ademais a estrutura, do mesmo xeito que a do abeto, será accesible para o público, co que é posible presenciar o show visual desde o interior.
Outra das novidades da decoración é o poboado con trineos tirados por renos e mesmo a simulación dunha nevada
Os osos polares foron a sensación da decoración de 2016. Este ano a bóla deu a badalada pero a iluminación e ornamentación van moito máis alá, non en balde o Concello incrementou o gasto en 200.000 euros. Un pobo nevado, trineos, cabanas, abetos e a simulación dunha nevada son outras novidades do despregamento. O centro de Vigo volverá quedar bañado en luz este nadal coa iluminación, que vai camiño de converterse nun reclamo turístico de Vigo.