O destino Rías Baixas rexistrou o mellor verán da última década, con medio millón de persoas visitantes
O destino Rías Baixas recibiu este verán a visita de medio millón de persoas, unha cifra que supón un incremento do 11,75 % con respecto ao ano pasado. Ademais, a ocupación hostaleira media na provincia tamén aumentou case cinco puntos, ao pasar do 78,15 % do 2016 ao 82,84 % deste ano. Estes datos foron facilitados pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que cualificou a tempada como espectacular: "Estamos a falar do mellor verán da última década", sinalou.
Por comarcas, O Salnés rexistrou unha ocupación hostaleira do 85,6 %; Pontevedra do 87,7 %; O Morrazo do 81,1 %; Caldas do 86,5 %; Vigo do 87,9 %; O Baixo Miño do 79,9 %; O Condado e A Paradanta do 79,7 %; e Deza e Tabeirós-Terra de Montes do 75,36 %.
O incremento de viaxeiros e viaxeiras tamén se viu reflectido na afluencia ás oficinas de información turística. Así, en total acudiron a estes centros 145.770 persoas, é dicir, 55.762 máis que no verán de 2016, o que supón un crecemento do 61,75 %.
Na mesma liña, as oficinas que xestiona directamente a Deputación tamén rexistraron incrementos importantes. O Palacete das Mendoza foi visitado por 40.035 persoas, o que supón un crecemento de 123,9 %; a oficina do aeroporto de Peinador rexistrou preto de 5.000 visitantes (incremento do 82 %); e a oficina do mosteiro da Armenteira foi visitada por 5.683 persoas, 202 máis que en 2016.
Balance de setembro
O mes de setembro pechouse cunhas cifras moi superiores ás estimadas, o que confirma o crecemento da popularidade do destino. A ocupación hostaleira media provincial foi de
73,4 %, dous puntos máis que no mesmo mes de 2016. E tamén foron bos os datos de ocupación nos establecementos de turismo rural, que ascenderon ao 40 % e superaron en máis de 5 puntos os do ano pasado.
O perfil do visitante é o dunha persoa procedente de España, principalmente de cidades como Madrid, Barcelona, Biscaia e Cádiz, cunha idade entre os 35 e 60 anos (49 %), que se aloxa en hoteis (57 %) e cunha estancia media de 7 a 15 días. As principais motivacións para viaxar
As Rías Baixas son coñecer a natureza e a cultura.
Canto ás e aos estranxeiros que pasaron a noite na provincia, ascenderon ao 33 %, dous puntos máis que a porcentaxe de 2016. Na súa maioría proceden de Francia, Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido.