O festival Revenidas bate récords de asistencia
A combinación de concertos de pagamento e actividades gratuítas para toda a familia, un cartel cunha trintena de bandas internacionais, estatais e galegas e a perfecta integración do festival na súa contorna local foron as claves do éxito de Revenidas, que pechou a súa última edición co balance de cifras de máis éxito ata a data.
A organización deu a coñecer as cifras de asistentes ás diferentes propostas musicais. O venres, 4.500 persoas acudiron aos concertos de La Pegatina, Terbutalina, Esne Beltza, Vendetta, SondaRúa, Noite Fechada Bolboreta e DJ Pimp; o sábado, outras 4.000 presenciaron os concertos de Skindred, Riot Propaganda, Desakato, Dakidarría, Doen e Pupil·les; e o domingo, 3.000 persoas despediron o festival con Sara Hebe, Auxili, Txarango, Bohemian Betyars, Zapa, Voodoo, De Vacas, Ou Leo i Arremecághona e A Duendeneta. Estas cifras suman un total de 11.500 persoas visitantes nos concertos de pagamento.
Ademais, as seis sesións de concertos a bordo do Chasula esgotaron todas as entradas. E tamén rexistraron unha gran asistencia os espazos abertos do festival, como a Zona Dub na praia do Preguntoiro, a Feira Revenida para talentos emerxentes e a Gala de Circo Solidaria, que nesta edición realizouse a favor de Pallas@s en Rebeldía.
Os concertos de pagamento rexistraron máis de 11.500 persoas visitantes
A tradicional sardiñada popular do domingo alcanzou un éxito sen precedentes, con 7.000 persoas, que degustaron os 1.000 quilos de sardiñas que a organización puxo a disposición do público.
En consonancia con estas cifras, a zona de acampada do festival quedou pequena ás poucas horas da súa apertura. Durante todo o fin de semana, chegaron a reunirse máis de 1.100 tendas, polo que a organización estudará para próximas edicións novos modelos de aloxamento para as e os asistentes.
Toda esta actividade viuse reflectida nun impacto económico de 1.400.000 euros e a xeración de 700 postos de traballo. Todo un récord para Vilaxoán, un núcleo mariñeiro de 2.000 habitantes.
O Festival Revenidas contou co apoio da Deputación de Pontevedra a través da marca Festivais Rías Baixas, #RiasBaixasFests.