O Castelo de Soutomaior acada o certificado "Xardín Histórico Observer®" que o acredita como destino de turismo científico
O Castelo de Soutomaior vén a converterse en pioneiro a nivel estatal tras acadar o certificado "Xardín Histórico Observer®" que o acredita como destino de turismo científico. A presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, no acto de entrega do distintivo amosou sentirse "encantada" de "poder formar parte dos destinos Observer® de turismo científico, porque vivimos nunha provincia que ten moitos valores para ser o centro desta modalidade turística".
Silva destacou que noutros lugares do mundo como Francia ou Estados Unidos o turismo científico "ten un enorme pulo". Neste eido, a presidenta detallou a importancia do distintivo, xa que esta modalidade "está a ter cada vez máis capacidade de atraer visitantes".
Este xardín é un marabilloso espazo natural, un orgullo para a provincia, Galicia e España, porque hai poucos coma este e ten todos os merecementos para cumprir coas rigorosas avaliacións que se fixeron para poder formar parte deste turismo científico", destacou Silva. A presidenta adiantou ademais que, a partir de agora, se van poñer en marcha numerosas actividades ligadas ao turismo científico para "converter o castelo nunha referencia". Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior amosou tamén o seu orgullo pola "importante distinción que vén de recibir o castelo, a segunda importante tras ter acadado a de Excelencia Internacional".
Para acadar o certificado, que engloba a importancia ao longo da historia do recinto e acredita a súa singularidade para a realización de actividades de divulgación e turismo científico no eido da botánica e historia, o castelo tivo que someterse a unha auditoría con ata 197 medidas de valoración nas que "obtivo sobresaliente", segundo a directora de Observer®, Maite Vence. Así, valoráronse moi positivamente as actividades de divulgación e márketing, o seu vínculo con organismos de investigación como a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e tamén os protocolos de bioseguridade para facer fronte á Covid-19, nos que o Castelo sacou un 10 sobre 10.
Tras superar a fase de certificación, o Castelo de Soutomaior continuará avanzando cara ao seu posicionamento como destino de turismo científico cun complemento formativo para as/os guías, que terá lugar o 5 de outubro e, nos vindeiros meses, co desenvolvemento de contidos específicos, apostando polo turismo sostible e innovador. Nestes momentos está xa dispoñible na web https://www.observersciencetourism.com/es/ información detallada do castelo centrada na divulgación científica.
Press Trip de Turismo Científico
O Castelo de Soutomaior tamén acolleu a parada dun press trip de xornalistas que están a afondar na provincia de Pontevedra como destino de turismo científico. Neste eido, visitaron o recinto histórico e o seu xardín representantes de El Viajero de El País, National Geographic, GCiencia e a revista Quo. A presidenta, Carmela Silva, afirmou que estaba segura que ían saír "namorados e namoradas deste lugar no que cada pedra, árbore ou camiño fala mellor da humanidade. Aquí está representado o mellor da humanidade desde o século XII".