O Museo de Pontevedra incorpora ao seu arquivo case 18.000 títulos do legado de José Luis Souto Alonso
O Museo de Pontevedra acaba de incorporar ao seu arquivo case 18.000 títulos de monografías e material documental de José Luis Souto Alonso. Con este legado, o ente pontevedrés –referente en investigación e conservación do patrimonio histórico galego– recibe estudos sobre a arte sudamericana ou a colección completa do diario Madrid. Destacan especialmente investigacións sobre o barroco mexicano así como orixinais e informes relativos á faceta de Souto na defensa do patrimonio.
Nacido en Pontevedra no ano 1942 e licenciado en Dereito na Universidade Complutense de Madrid, completou a súa formación académica en Bruxelas e, ademais de exercer funcións docentes, incorporouse ao Consello de administración do diario Madrid. Así mesmo, Souto exerceu unha intensa actividade na defensa do patrimonio natural e artístico, participando na fundación da Asociación para a defensa Ecolóxica e do Patrimonio Histórico-Artístico (Adelpha) en 1973. Impulsou tamén a creación do Centro de Estudos sobre o Patrimonio Histórico-Artístico Ambrosio de Morales.
Cabe sinalar que, con esta doazón, o Museo de Pontevedra ve complementados outros fondos tales como o legado testamentario de Sánchez Cantón, pois desde o punto de vista cronolóxico, estas coleccións inícianse a principios da década do setenta, falecendo Sánchez Cantón en 1971.
Un referente turístico
O Museo de Pontevedra supón, ademais, un referente turístico da cidade e da provincia. A iso contribúen as numerosas actividades que albergan, tales como exposicións, conferencias, publicacións, seminarios, concertos, visitas, obradoiros ou concursos.