O Palacete das Mendoza centraliza agora a información turística de Pontevedra
O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, centraliza a partir de hoxe a información turística de Pontevedra. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acaba de asinar unha resolución presidencial mediante a cal se pon en marcha no Palacete das Mendoza a oficina de atención turística do Concello de Pontevedra. A través desta resolución centralízase na sede de Turismo Rías Baixas toda a información dirixida ás persoas que visitan a capital da provincia, facilitando e optimizando a atención que reciben.
Este acordo chega tras darse xa os primeiros pasos entre a Deputación e o Concello coa supresión da oficina de información turística de Vialia e da situada en Montero Ríos. Deste xeito, a partir de hoxe é un único punto o que lles ofrece atención global ás persoas que desexen visitar a provincia ou a cidade, coordinando as políticas de fomento dirixidas ao sector turístico, compartindo e centralizando a información e sumando esforzos e sinerxías nunha única sede.
A oficina de información turística do Palacete das Mendoza estará aberta de luns a venres de 9 a 20 horas, sábados e festivos de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas e os domingos de 10 a 14 horas.