A ponte de Rande, unha das iconas das Rías Baixas, cambia a súa silueta
A ponte de Rande, aberta ao tráfico en febreiro de 1981, converteuse en parte imprescindible da paisaxe das Rías Baixas, e agora, 35 anos despois, a súa silueta empeza a cambiar. As obras de ampliación do viaduto xa fan visible a transformación na fisionomía dos piares, que foron reforzados a partir do tronco para soster os dous futuros taboleiros laterais, cada un cun carril.
Os piares presentaban desde a súa construción unha forma de H, mentres que agora foron ensanchados no seu tramo superior ata a coroa, situada a 120 metros de altura sobre o nivel do mar, para soportar a nova carga. A ponte ten agora oitenta tirantes para soster o tronco, e pasarán a duplicarse. As pezas que modificaron xa a silueta dos piares están instaladas ao completo (como se pode apreciar nas imaxes), pero o cambio máis visible producirase nos próximos meses coa incorporación dos taboleiros.
Por agora chegou a Rande a primeira peza, denominada "doela cero", cunha lonxitude de 47 metros, unha anchura de oito e 180 toneladas de peso. A doela está fixada ao piar máis próximo á beira de Moaña e Vilaboa. Posteriormente encostaranse as seguintes doelas, 76 en conxunto, a ambos os lados do viaduto, nunha complexa e espectacular operación ata completar a estrutura dos dous carrís. Pola ponte chegan a transitar en xullo e agosto, co intenso tráfico ás praias do Morrazo nos días de bo tempo, 70.000 vehículos diarios.