O soul desgarrado de Nikki Hill sobre o murmurio da auga en Caldas de Reis
O ritmo cru das guitarras e a voz desgarrada de Nikki Hill resoan xunto á fonte do río Bermaña, en Caldas de Reis, á beira da antiga ponte que cruza o Camiño Portugués de Santiago ao seu paso pola provincia de Pontevedra.
O rumor da auga, esencia desta vila termal xa desde tempos dos romanos, arrola a música e letra ao natural de Heavy hearts, hard fists, a primeira interpretación das Sesións Lixeiras en Rías Baixas que estrea hoxe a plataforma de vídeo curto Flooxer coa colaboración de Turismo Rías Baixas. A parada é Portamérica, un dos Rías Baixas Fests, que este ano se desenvolverá os días 5, 6 e 7 de xullo.
Nikki Hill foi un dos pratos fortes da anterior edición deste festival de verano en Galicia nado como ponte de unión entre as dúas beiras do atlántico. A combinación de rock, soul e rythm and blues da artista norteamericana, con influencias de Etta James, LaVern Baker, Otis Redding e Little Richard, conquistou o público que acudiu aos concertos de música na carballeira de Caldas.
As Sesións Rías Baixas sitúan os artistas en recunchos e escenarios improbables para facer interpretacións ao natural, cos elementos mínimos, nun só plano que indaga o seu lado máis intimista. No vídeo de Portamérica a voz inconfundible e o rítmico meneo de Nikki Hill mestúranse co son ambiente da vila termal, coa ponte pola que transitan a diario as e o peregrinos rumbo a Santiago de Compostela como testemuña.
As e os peregrinos descansan na fonte das Burgas nesta vila termal cunha magnífica carballeira, xardín botánico e unha fervenza de gran beleza
Caldas de Reis, que tamén acolle o festival Cultura Quente, outro dos Rías Baixas Fests, está situada á beira do río Umia e ofrece un amplo abanico de atractivos turísticos vinculados á natureza, ao termalismo, á historia e á cultura. O Camiño de Santiago cruza por unha antiga calzada romana o centro desta vila, que conta con dous balnearios históricos e unha fonte termal, a da Burga, onde as e os peregrinos paran a repor forzas.
Os concertos de Portamérica e o seu xa famoso showrocking –no que prestixiosos chefs preparan deliciosos e orixinais petiscos para que os deguste o público– desenvólvense na carballeira xunto ao Umia, un escenario natural único. Á beira sitúase o xardín botánico, con especies dos cinco continentes e unha rica colección de camelias.
Cando a temperatura sobe os bañistas danse un baño no Umia e a ribeira do río é perfecta para o sendeirismo, cun paseo fluvial que conduce a unha fervenza, a de Segade, unha das máis fermosas de Rías Baixas.
Os acordes e a voz de Nikki Hill apáganse e un discreto e novo público aplaude a interpretación. O rumor da auga non cesa e as e os peregrinos seguen o seu paso nesta tranquila vila que en xullo se transformará de novo para acoller Portamérica, unha das grandes citas festivaleiras do verán dentro do circuíto Rías Baixas Fests.