O turismo sustentable, unha aposta de futuro necesaria
A relevancia do turismo baseado na sustentabilidade como vía de actuación necesaria para preservar a nosa contorna, e a necesidade de establecer plans estratéxicos a nivel provincial que aseguren un futuro ambiental son algunhas das temáticas abordadas hoxe no contexto da Xornada sobre Turismo e Medio Ambiente, organizada pola Fundación Democracia e Goberno Local en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na inauguración do encontro a aposta do organismo pontevedrés polo Plan Estratéxico de Turismo da institución, que preserva a cultura e a contorna da provincia. Nesa mesma liña, o director da Fundación Democracia e Goberno Local destacou, ademais, o valor das deputacións como entes necesarios para garantir uns servizos básicos de calidade no ámbito local.
Un crecemento turístico "con cabeza"
Frear a contaminación e limitar a acción humana para protexer os recursos naturais son as dúas liñas fundamentais que, en opinión do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Barcelona José Esteve Pardo, debe abordar o dereito ambiental. Ademais, Pardo destacou a inseguridade do modelo xurídico á hora de protexer á contorna fronte á invasión de apartamentos turísticos en grandes cidades como Barcelona.
Tras un ano, o 2017, declarado como ano do turismo sustentable pola ONU, o profesor de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade de Vigo José Antonio Fraiz defendeu a necesidade de "controlar o impacto social acordando, garantindo, promovendo, capacitando e educando". "Non só trátase de que creza o turismo", engadiu, "senón de que creza con cabeza".
Conservación e concienciación
"España sitúase á cabeza en canto a competitividade turística segundo os índices internacionais", sinalou a profesora de Xeografía da Universidade de Xirona Rosa María Fraguell. "O turismo creceu no ámbito mundial no últimos cinco anos", o que demostra, segundo a experta universitaria, "a súa capacidade para facer fronte a procesos de crises". Eses turistas buscan, na súa opinión, "temperaturas relativamente elevadas, de entre 28,8 e 31º C para ter unha experiencia satisfactoria".
No foro turístico tamén se recolleron experiencias exitosas como a do Principado de Asturias, a Costa Brava ou o concello pontevedrés de Nigrán. "Se temos un paraíso natural agora en Asturias é porque se conservou", afirmou a xefa do Servizo de Estratexia Comercial e Turística do goberno asturiano. Por outra banda, o alcalde de Nigrán , Juan González Pérez, destacou a aposta da Deputación de Pontevedra por "concienciar á poboación na sustentabilidade e colaborar en iniciativas que potencien o turismo da nosa provincia".