Festa do Viño Espumoso en Salvaterra de Miño
Achéganse as festas e con ela a época de sacar a rolla a algunha botella de viño para brindar entre amigos ou familiares. As escusas nesta época son variadas: a celebración de Nadal e Noitevella, un brinde nalgunha cea de empresa ou de amigos, ou algún agraciado coa popular Lotería de Nadal.
A bebida elixida na maioría destes solemnes actos adoita ser o cava ou a champaña; sempre relacionados con estes eventos, triunfan nas celebracións e brindes. Pontevedra é tamén terra de viños, e aínda que o seu produto estrela é o viño branco, e en concreto o Albariño, tamén ofrece outras opcións como as que presenta coa Festa do Viño Espumoso de Salvaterra de Miño.
O municipio, que pertence á Denominación de Orixe Rías Baixas baixo a subrexión do Condado de Tea, presenta en 2017 a IV edición deste festexo para os días 2 e 3 de decembro. O obxectivo é dar a coñecer os produtos das adegas locais. Na actualidade, xuntáronse 10 adegas que elaboran este tipo de viño e nas que presentan ata 16 marcas arroupadas baixo a D. O. Rías Baixas.
Ademais, desde o concello desexan promocionar a comarca como a "Capital dos espumosos das Rías Baixas". As datas en que se desenvolve o evento tamén foron elixidas coidadosamente, xa que é cando esta variedade sae da súa segunda fermentación despois de dous anos de elaboración.
As datas en que se desenvolve o evento tamén foron elixidas coidadosamente, xa que é cando esta variedade sae da súa segunda fermentación despois de dous anos de elaboración
O programa da festa será o seguinte:
O sábado 2 procederase á inauguración e apertura de postos a partir das 12 horas do mediodía no castelo de dona Urraca. O acto continuará con música tradicional de gaitas ata as 13 horas, cando comezarán a sacar a rolla dos primeiros espumosos coa técnica de degole a sabre.
Ás 17 horas da tarde haberá un curso de iniciación ao mundo dos espumosos. A charla será impartida por Luis Paadín, primeiro Ambassadeur du Champagne España. No relatorio inclúese a orixe desta variedade de viño, a súa elaboración, a súa presenza na actualidade e unha cata de ata nove espumosos. Para asistir ao mesmo hai que inscribirse no concello ata o día 29 de novembro e pagar 10 €, xa que as prazas están limitadas a 40. Tras o curso, as persoas asistentes recibirán un diploma acreditativo de asistencia.
Os actos continuarán cun showcooking ás 18 horas e música en directo ás 21 horas.
A sesión do domingo comezará ás 11 da mañá co nomeamento de novos confrades da Confraría do Viño do Condado de Tea e espumosos ás 12 horas. Media hora máis tarde haberá un brinde e unha presentación de harmonía e maridaxe por parte de Luis Paadín. Seguiralle novamente unha apertura de botellas de espumoso con degole a sabre.
Ás 13 e 17 horas haberá música en directo, mentres que ás 18 horas haberá unha nova sesión do curso impartido por Luis Paadín. Neste caso serviranse 4 espumosos con 6 mostras de diferentes conservas. Os actos finalizarán tras a música en directo das 19 horas.