O mellor viño tinto, este fin de semana no Salnés
As homenaxes ao redor do viño continúan na provincia de Pontevedra coa Festa do Viño Tinto do Salnés en Ribadumia. A nova cita chega apenas uns días despois das Xornadas Abertas da Ruta do Viño Rías Baixas e a Mostra do Viño Tinto de Vilaboa. A celebración comezará o xoves 31 de maio e durará ata o domingo 3 de xuño.
O culto ao viño de Barrantes dará comezo o xoves 31 ás 22 horas coa orquestra Combo Dominicano. Aínda que non será ata o día seguinte, venres 1 de xuño, cando comecen os actos durante todo o día. A inauguración oficial será entón ás 13 horas coa apertura de casetas e diferentes pasacalles que continuarán a diferentes horas durante o resto da xornada. Esa mesma noite será a quenda das orquestras Panorama e Pontevedra.
A maior parte dos actos oficiais están reservados para o sábado 2. A partir das 12:30 horas terá lugar a recepción de autoridades e o seu desfile ata a Carballeira de Barrantes . Na mesma Carballeira realizarase a cata final e investidura dos Valedores do Viño Tinto do Salnés e alectura do pregón da XLVI edición, ás 13 horas. Acompañaralle música e baile tradicional galego e degustacións gratuítas de viño tinto, pan de millo e chourizo. Os premios aos viños serán entregados ás 14:30 horas.
Entre as actividades máis relevantes do día, destaca un showcooking na carpa das casetas e unha festa da escuma na praza do Concello, ás 18:30 h da tarde. Seguiralle un festival de música de grupos locais en Rosalía de Castro ás 19 horas e a verbena nocturna a partir das 23 horas.
A mañá do domingo día 3 comezará coa III Andaina solidaria do Concello de Ribadumia, ás 10:30 horas. A partir das 11 e ata as 20 horas da tarde haberá xogos tradicionais na praza do Concello. Ás 12 volverá haber un showcooking na carpa das casetas e ademais de música e outras actividades, a xornada pecharana os concertos de Añoranza, M.80 e París de Noia.
Que facer en Ribadumia?
Achegarse á Festa do Viño Tinto do Salnés é unha boa oportunidade para coñecer o municipio. Entre o seu patrimonio arquitectónico atopamos varios pazos como o mesmo pazo de Barrantes con orixes no século XVI, ou o pazo Quinteiro da Cruz. Neste caso trátase dun edificio neoclásico do século XVIII e cuxos xardíns foron declarados de Excelencia Internacional pola Sociedade da Camelia este mesmo 2018. Unha distinción que só gozan medio centenar de xardíns en todo o mundo e dos que catro son españois e da provincia de Pontevedra.


Se o que apetece é pasear, unha opción é achegarse aos sendeiros da ribeira do río Umia de gran valor natural. Xunto á súa canle tamén atoparemos o centro de interpretación fluvial do río Umia sobre un antigo refuxio de pescadores en Cabanelas.
Outro paseo é o que nos ofrece a Ruta da Pedra e da Auga de 6,5 quilómetros e que percorre un espazo tan bonito como o río Armenteira e os seus muíños do século XVIII.
E se nos gustan os xacementos arqueolóxicos, unha visita merecida é o complexo milenario de Monte do Castro , entre Leiro e Besomaño.

