Fontao habilita unha ruta turística que enlaza a Fervenza do Toxa e Carboeiro
Situado en Vila de Cruces, o poboado mineiro de Fontao acaba de estrear unha ruta que suma novas razóns para achegarse a visitar esta localidade do norte da provincia de Pontevedra. Ligada á extracción mineira xa en tempos dos romanos e, posteriormente, no século XX debido á exportación de volframio, este percorrido enlaza dous dos grandes atractivos da comarca dezá, a Fervenza do Toxa e Carboeiro, onde pode visitarse o seu recoñecido mosteiro, hoxe rehabilitado.
Pero, ademais de coñecer a contorna natural, esta ruta permite deterse tamén fronte a sete dos múltiples mananciais existentes na zona, como lembra o propio topónimo de Fontao. Impulsada polos veciños, a iniciativa xa atopou seguidores asiduos, que se achegan a espazos coma a Fonte da Madeira, dos Fontaos ou de Salgueiros, entre outras.
Cabe sinalar que Fontao conta ademais co Museo da Minería, dedicado á exposición do proceso produtivo que caracterizou durante anos á localidade. Inaugurado a mediados do século XX, o poboado dotouse de campo de fútbol, igrexa ou salas de cinema, entre outras instalacións.
Arquitectura nas Rías Baixas
Este poboado forma parte, xunto a case medio centenar de edificacións, da ruta Arquitectura Contemporánea nas Rías Baixas. Trátase dunha proposta impulsada pola Deputación de Pontevedra e que propón un percorrido por algunhas das construcións máis destacadas das Rías Baixas.