Galiexpo MotorShow apaga motores en Vigo tras recibir máis de 50.000 visitantes
A feira Galiexpo MotorShow acelera e supera os 50.000 visitantes na súa última edición, que pechou onte as súas portas no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Os coches clásicos, deportivos, de competición e tuneados causaron sensación no recinto desde a apertura, o pasado venres, e houbo un cheo absoluto para asistir ao campionato de drift, no que as espectaculares derrapaxes de pilotos españois e portugueses fixeron vibrar os espectadores.
A feira contou nesta edición con 70 postos, algúns deles de empresas punteiras en España. O premio ao coche mellor preparado recaeu no Seat Ibiza Demo Car SPL Dynamics, do xixonés David Rea Fernández, cun equipo de son de 5.000 watts. Os asistentes ao evento puideron gozar tamén de xoias coma un Mustang verde musgo único en España ou un Hammer.
O campionato de drift estivo precedido dunha exhibición de Roberto Rodríguez, gañador da Liga Nacional de Forza, que arrastrou un camión de 32 toneladas. A Asociación Viguesa de DJ puxo a música, e o torneo de automodelismo en escala 1:10 foi outro dos grandes atractivos do evento, que xa se consolidou tras once edicións.