A Deputación premia o respeto polo produto e a innovación nas imaxes gañadoras do concurso “Comemos Polos Ollos”
A Deputación de Pontevedra pecha o concurso fotográfico “Comemos Polos Ollos” destinado á promoción da excelente gastronomía de Rías Baixas coa selección das sete mellores imaxes de produtos de proximidade publicadas en redes sociais durante o último mes. Un xurado composto por persoal técnico de Turismo Rías Baixas e o Servizo de Comunicación Institucional foi o encargado de elexir o martes día 16 de xuño as fotografías que mellor representan a amplia variedade de materias primas que ofrecen as rías, a horta e os campos da provincia de Pontevedra.
Foron seleccionadas tres imaxes de produtos na categoría “ao natural”, outras tres na sección “preparados” e houbo unha mención especial para a mellor composición fotográfica. A Institución Provincial repartirá un total de sete lotes de produtos Rías Baixas entre os gañadores valorados en 70, 90 e 120 euros.>.
As persoas participantes debían seguir as contas de Turismo Rías Baixas en Twitter e Instagram e publicar as súas imaxes entre o 15 de maio e o 15 de xuño empregando os hastag #ComemosPolosOllos e a súa versión en castelán. En Instagram acadouse un importante impacto con un total de 65 fotografías e en Twitter foron 25 as que se presentaron ao concurso.
Á hora de elexir as persoas gañadoras valorouse a posta en escea e a calidade das imaxes, o respeto polo produto e tamén a creatividade e a innovación das propostas culinarias, buscando unha mestura entre produtos de costa e de interior e con presentacións moi diversas entre sí.
A mellor composición fotográfica foi “Guisantiños da casa e outras cousiñas” da usuaria @margapazos. Esta fotografía foi elixida pola elaboración innovadora e a coidada presentación, mesturando marisco e produtos da terra, con gran forza creativa. O listado completo das persoas gañadoras pode consultarse na acta de resolución do concurso “Comemos Polos Ollos”.
De forma adicional, tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, como a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, aproveitaron esta acción promocional nas redes da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas para compartir as súas imaxes e amosar algúns dos mellores produtos da horta e dos campos da provincia.
Esta acción enmárcase na campaña “Pontevedra Provincia na túa cesta” posta en marcha no mes de abril co obxectivo de poñer en valor os produtos de proximidade e o traballo das produtoras e produtores da provincia en tempos especialmente complicados como foi a Covid-19. A Deputación de Pontevedra está facendo esforzos específicos para apoiar ao sector primario, ao comercio e ao turismo tendo en conta ademais que a gastronomía é un dos activos máis fortes do destino turístico Rías Baixas cun alto potencial de captación de viaxeiras e viaxeiros.