“Fame de Experiencias?” é a nova campaña de Turismo Rías Baixas 2019
“Fame de Experiencias?” , con interrogación xa que apela directamente ás viaxeiras e viaxeiros, é a campaña de Turismo Rías Baixas para 2019 que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acaba de facer pública. Esta promoción da provincia de Pontevedra céntrase na enogastronomía, a paisaxe e as persoas que extraen, capturan, colleitan e elaboran os recursos que identifican e diferencian a cociña deste territorio.
"Apostamos pola provincia de Pontevedra como un destino multiexperiencial, apostando polo seu territorio, patrimonio cultural e as persoas que hai detrás da nosa gastronomía”, detallou a presidenta provincial para describir a campaña, presentada no Pazo provincial xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e o chef Pepe Solla como convidado estrela. A nova aposta de Turismo Rías Baixas será lanzada na Feira Internacional de Turismo FITUR, en Madrid, o próximo día 24 de xaneiro.
Durante a presentación reproduciuse unha pequena peza audiovisual como antesala ao gran acto oficial de FITUR, no que, entre outras sorpresas, estrearase o vídeo completo. A presidenta da Deputación avanzou sobre o contido: “Non aparecen intérpretes senón produtoras e produtores, xente real que normalmente non se ve. Esta xente é a que nos diferencia do resto. Non vendemos, ensinamos”.
A nova liña promocional de Turismo Rías Baixas propón experiencias nun territorio cunha gastronomía de calidade, viños excepcionais, innovación e tradición en cada un dos recunchos da provincia de Pontevedra e durante todo o ano. A enogastronomía está asociada a este destino e o enoturismo en si é un grande axente desestacionalizador do que forman parte tamén as paisaxes, o patrimonio, a historia, a cultura, o termalismo, a camelia e outros moitos atractivos deste destino.
A campaña, que estará dispoñible en galego, castelán e inglés, promocionarase tras FITUR a nivel autonómico, nacional e internacional, con especial incidencia naqueles lugares onde hai voos directos que chegan a este destino. As accións contarán con presenza tanto offline como online, con especial énfase neste último apartado debido aos hábitos da sociedade actual ante estas plataformas.
“Queremos que as e os viaxeiros veñan, vivan experiencias, e logo regresen, regresen e volvan regresar”, apostilou Carmela Silva.