Igloo: melodía envolvente na Carballeira de Caldas de Reis
A pausada cadencia dun tema de Igloo soa entre os carballos da centenaria Carballeira de Caldas de Reis, vila termal da provincia de Pontevedra a beiras do río Umia na que teñen lugar os festivais PortAmérica e Cultura Quente. A banda galega Indie interpreta unha versión melancólica da súa enerxética “Xeración Fatal” dentro das Sesións Rías Baixas, emitidas na plataforma de vídeo Flooxer coa colaboración de Turismo Rías Baixas, nas que persoas artistas coñecidas e bandas que pasaron polo circuíto festivaleiro Rías Baixas Fest mostran a súa cara intimista con cancións sen adornos.
Nikki Hill protagonizou a primeira destas Sesións Lixeiras, –estreada a semana pasada e dedicada a PortAmérica –, xunto á ponte do río Bermaña, que cruzan en Caldas de Reis as peregrinas e peregrinos que seguen o Camiño de Santiago. Para Cultura Quente a interpretación corre a cargo de Igloo e o lugar elixido é un dos espazos naturais máis belos da provincia de Pontevedra. A carballeira está catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) xunto co parque botánico que a completa, e posúe ademais unha excelente acústica para os concertos destes festivais imprescindibles na axenda estival de Galicia.
“Somos o que o tempo chamou a xeración fatal”, entoa Benito Ferreiro, voz e guitarra de Igloo, neste tema dedicado aos “millennials”. A letra sobre esta xeración urbana, salpicada con referencias a autores como Tolstoi, Lorca ou Tagore, contrasta coa placidez dunha área natural cuxa historia se remonta a 1863, época de auxe dos balnearios desta vila termal cun pasado de reis ao que está vinculado o seu nome.
O espazo natural é un dos atractivos desta vila cun pasado de reis, dous balnearios de referencia e un tesouro da Idade do Bronce
Aquí naceu Alfonso VII de León, neto de Alfonso VI e fillo da Raíña Urraca, e desta localidade procede o chamado Tesouro de Caldas, conformado por numerosas pezas de ouro datadas na Idade do Bronce que agora garda o Museo de Pontevedra. A antiga calzada romana XIX cruza a vila, –cuxas augas de propiedades terapéuticas xa se coñecían fai dous mil anos–, que forma parte do itinerario das peregrinas e peregrinos que seguen o Camiño Portugués. Aquí, nos estudos Cryolab, gravou precisamente Igloo a súa primeira maqueta fai trece anos.
O son bucólico da banda nesta sesión convida a percorrer o parque botánico, con especies dos cinco continentes, moitas delas exóticas, e unha rica colección de camelias, flor chegada de Xapón e China que en Rías Baixas cóidase con esmero en pazos e parques da provincia de Pontevedra.
A fervenza de Segade, tras seguir o paseo fluvial do río Umia nunha fermosa contorna natural, evoca a letra de “Xeración Fatal”. Un lugar ideal, Caldas de Reis e a provincia de Pontevedra, para “malgastar a vida soñando espertos”.