Interior, costa e cidade. Diferentes rutas en Rías Baixas
Roteiros de Lalín
Desde Turismo de Lalín promóvense as actividades propostas por Roteiros Lalín. Unha rede de persoas voluntarias que ofrece rutas de sendeirismo polos bosques deste municipio interior da provincia de Pontevedra como forma de facer exercicio, á vez que se fomenta o respecto, coñecemento e conservación do ambiente.
Dende o seu espazo web, van informando das actividades, así como dos traxectos, fotografías e os percorridos para seren visionados en Wikiloc. Algúns inclúen varios trazados, un longo e outro curto, para que cada persoa decida cal facer. Ademais, engaden outros datos de interese descargables, como información sobre o patrimonio natural ou cultural do percorrido.
A próxima cita programada, "Xunta dos ríos" terá lugar o 22 de abril. Ás 9:30 horas sairá un autobús coas e cos participantes desde a praza da Igrexa de Lalín ata a carballeira de Barcia. Trátase dun traxecto lineal con tres niveis. O traxecto que se realizará nesta ocasión será o traxecto curto de 12 km, dunhas tres horas de duración. As inscricións, a través da súa páxina web, no Concello ou en Lalín Arena.
Rutas pola costa de Cangas
Mentres Lalín ofrece un turismo de interior polos seus bosques e montes, o Concello de Cangas achéganos á costa de Pontevedra coas súas saídas de "Primavera en ruta" e a colaboración de A Illa dos Ratos. Finalizadas as de inverno, a nova edición proponnos ata 16 rutas gratuítas só entre os meses de abril e maio. Cada unha delas por unha zona diferente ou cunha temática propia coma "O Hío de pedra en pedra", "Massó" ou "Cangas 1617". A quenda para a próxima fin de semana será para as de "Cangas e o mar", o sábado 14, e "Historia das mulleres de Cangas", o domingo 15. En maio repetiranse os mesmos percorridos.
Para participar é necesario inscribirse previamente. Para iso pódese contactar coas oficinas de turismo local (986 392 023), a través do Facebook de A Illa dos Ratos ou ailladosratos@gmail.com.
Mentres Lalín ofrece un turismo de interior polos seus bosques e montes, Cangas achéganos á costa coas súas saídas de "Primavera en ruta"
Rutas en Poio
"Poio móvese" é a nova proposta de rutas do Concello de Poio para os próximos meses. En total, unha serie de cinco saídas entre abril e outubro. A primeira delas levarase a cabo o 22 de abril. Trátase da "Ruta da memoria", que levará as persoas participantes desde o parque da Memoria ata O Casal de Ferreirós. A saída será ás 10 da mañá e o percorrido ten unha lonxitude de 10 km.
Seguiralle o 27 de maio a "Ruta verde", de 16 km, e o 24 de xuño a "Ruta dos muíños", de 12 km. As inscricións faranse a través do correo-e deportes.poiomovese@condellopoio.gal
Visitas urbanas en Redondela e Vigo
Ambos os concellos ofrecen saídas urbanas culturais. No caso da vila redondelá, as persoas asistentes aínda están a tempo de gozar de dúas saídas especiais. A primeira será o sábado 14, ás 21:00 horas, e é que se trata da ruta "Redondela nocturna". Unha nova forma de coñecer o patrimonio cultural da cidade. A seguinte mergúllanos na historia e misterios do cemiterio dos Eidos; será o domingo ás 19:30 horas. Ambas as saídas teñen unha duración de entre 60 e 90 minutos, e a inscrición pódese realizar a través da oficina de turismo local ou do número 667 401 909.
No caso de Vigo as visitas guiadas finalizan o próximo 21 de abril. As saídas realízanse baixo o programa"Historias para coñecermos Vigo" e fan un percorrido por unha banda da cidade vinculada a un libro. O guía será o propio autor da mesma obra e será unha forma diferente de coñecer os barrios da cidade. Nesta ocasión o autor é Francisco Castro para dar un paseo polos escenarios do seu libro Barricadas de sal. A saída está programada ás 11:00 horas desde o mercado de Teis. Inscricións, no número 986 81 02 81.