A Deputación de Pontevedra asina un convenio de colaboración co Concello de Vigo para impulsar os sendeiros azuis da cidade
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinaron esta mañá un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achegará 40.000 € e a Administración local 10.000 € para realizar actuacións nos tres sendeiros azuis da cidade: camiño á beiramar, senda entre faros e senda litoral e do monte da Guía.
En concreto, a través deste convenio está previsto levar a cabo accións de promoción turística e medioambiental coa catalogación de sendeiro azul da provincia, traballos de sinalización (sinais informativos de identificación, do destino ou das rutas), consolidación de infraestruturas co fin de cumprir os requisitos esixidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), así como a instalación de mobiliario que se adecúe aos espazos, percorridos e as súas peculiaridades. O prazo límite para executar estas actuacións é o 31 de decembro de 2016.
A presidenta da Deputación subliñou na firma do convenio que un dos motivos polos que se visita hoxe a cidade de Vigo ten que ver cos seus valores medioambientais e que, polo tanto, as administracións teñen que manter as infraestruturas en condicións. "Os turistas non só veñen no verán a desfrutar das praias; temos que contribuír a desestacionalizar o turismo con novas ofertas de turismo medioambiental".
Carmela Silva destacou que a aposta por Vigo é total e que, tras quince meses, "a Deputación de Pontevedra mira de fronte a Vigo e non lle dá as costas coma ata o de agora".
Na mesma liña pronunciouse o alcalde de Vigo, quen salientou que "agora a Deputación está tratando a Vigo como se merece, sen que iso implique restar a ningún outro concello da provincia".
Tanto a Deputación coma o Concello de Vigo están comprometidos co aumento e a optimización de infraestruturas e servizos que, conservando o seu patrimonio natural, permitan mellorar a calidade de vida presente e futura tanto das e dos seus residentes coma das persoas que escollen Vigo como destino de ocio.
Pontevedra é a provincia española co maior número de sendeiros azuis recoñecidos, un total de 11, situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Nigrán, Ponte Caldelas e Vigo.
Estas rutas constitúen itinerarios e elementos paisaxísticos que contribúen ao uso sostible do litoral e desempeñan unha función social importante. Son elementos vertebradores para o desenvolvemento, a saúde e o benestar do conxunto da sociedade.
A Deputación busca promover o desenvolvemento sostible destas rutas das zonas litorais mediante unha xestión integrada que poña en valor os valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o patrimonio litoral da provincia.