A escola mariña de Putin chega ao porto de Vigo

O porto de Vigo recibirá mañá sábado o terceiro maior buque escola do mundo, o Kruzenshtern, bautizado con este curioso nome en recoñecemento ao primeiro mariño ruso que conseguiu circunnavegar a terra. Cunha dotación de 257 persoas, esta histórica embarcación é a responsable da formación de profesionais da mariña mercante da afastada Rusia, entre eles do seu actual presidente, Vladimir Putin. Ademais, as persoas interesadas en coñecer máis de preto a súa actividade poderán visitala de forma gratuíta durante esta fin de semana.
Máis grande que o Juan Sebastián Elcano
Con 114 metros de eslora, este buque ostenta o terceiro posto no ránking internacional de buques escola, só un metro por encima do Juan Sebastián Elcano, o "clásico" da Armada Española para a formación de gardas mariñas. É, ademais, un buque con historia, pois serviu de escenario de rodaxe de varias películas (entre elas algunhas de propaganda nazi) e deu a volta ao mundo en conmemoración da viaxe realizada polo explorador ao que homenaxea.
O buque construíuse en 1926 en Alemaña baixo o nome de Padua como cargueiro para unir Chile e Alemaña. Tras a segunda guerra mundial, foi entregado en 1946 como compensación dos danos ocasionados durante o conflito á ex Unión Soviética e renomeado como Baltic German. Xa na frota da mariña soviética, estivo primeiro ao servizo de diferentes departamentos ministeriais, para ser posteriormente transferido, en 1981, á compañía estatal Industrias Pesqueiras de Estonia e, finalmente, en 1991, pasar a formar parte da frota da Academia Nacional das Pesqueiras do Báltico.
Visitas a bordo o sábado e o domingo
A nave permanecerá amarrada no peirao de transatlánticos da cidade olívica desde as nove da mañá do sábado ata a tarde noite do domingo. Todas as persoas interesadas en visitalo poderán facelo nun horario comprendido entre as dez da mañá e as seis da tarde no peirao de transatlánticos da cidade olívica. Esta será unha estupenda oportunidade para que nenas e nenos, persoas maiores e afeccionadas ao mundo náutico se acheguen ao ámbito da formación mariña.
A desta fin de semana é a súa cuarta visita ás nosas augas nos seus máis de noventa anos de historia, despois do seu amarre en 1998 como participante da Regata Cutty Sark, outra visita en 2009 con ocasión da saída do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros e unha última, en 2011, en viaxe de instrución. A súa estadía nas nosas augas nesta ocasión débese á intervención da Fundación Traslatio, co obxectivo de promover Vigo como escala de grandes veleiros e achegar así o mundo da navegación a todos os públicos.