A Festa do Becerro Ecolóxico, gran cita gastronómica este domingo en Cerdedo-Cotobade
A sede de Turismo Rías Baixas acolleu esta mañá a presentación da quinta edición da Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto, que terá lugar o domingo no Concello de Cerdedo-Cotobade. O deputado Santos Héctor Rodríguez e o alcalde Jorge Cubela, xunto coas persoas responsables da entidade organizadora, a Asociación Cultural Becerro ao Espeto, animaron á cidadanía da provincia de Pontevedra a acudir a este evento, no que se servirán ao redor de 1.500 racións deste produto de calidade.
A festa terá lugar na Casa do Pobo, á beira da igrexa de Viascón, e o menú inclúe carne con patacas, viño ou auga, pan, café e rosca a un prezo de 15 euros. A degustación popular arrinca ás 13.00 horas e haberá xogos para nenas e nenos, e música ao longo da xornada.
Produto de calidade e belas paisaxes
“O Concello de Cerdedo-Cotobade e a parroquia de Viascón, onde terá lugar a festa, é un lugar fantástico, cunha paisaxe incrible e xentes moi acolledoras. O produto é extraordinario. Se foron repitan, e se non vaian e descúbrano porque merece a pena”, destacou no acto de presentación o deputado, quen eloxiou o “esforzo e dedicación” das persoas organizadoras e o respaldo da Alcaldía. “Esta é unha gran festa que ademais contribúe á desestacionalización da oferta turística, un dos obxectivos do Plan estratéxico da Deputación de Pontevedra”, destacou.
O alcalde resaltou que a Festa do Becerro Ecolóxico “converteuse tras cinco edicións nun evento gastronómico consolidado no noso calendario, e redunda na atracción de turistas ao Concello”. Cubela destaca que é “un espectáculo ver como se prepara o produto desde primeiras horas da madrugada”, e resalta que o Concello seguirá dando o seu apoio “para facer deste produto, criado integramente con produtos de casa, unha referencia e unha marca indispensable do noso territorio”.