A fotografía de Anderson por Galicia chega a Pontevedra
Nos anos vinte do século pasado, a fotografía levaba xa levaba un tempo instalada no mundo desde os primeiros daguerrotipos. O fotoperiodismo xa formaba parte da prensa diaria pero non existía aínda unha estética e unha arte fotográfica propiamente dita. Aínda terían que pasar uns cantos anos para que se comezasen a marcar as primeiras regras a nivel estético dentro do mundo do fotoperiodismo. Este feito fai que localizar grandes obras daqueles anos sexa todo un pracer, sobre todo se o traballo é capaz de narrar historias como o fai o fotoperiodismo. É o caso da mostra que se expón no Café Moderno de Pontevedra, "Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia".
A artista estadounidense deixou un legado excelente para que hoxe poidamos apreciar como vivían os nosos antepasados nestas terras galegas. Concretamente viaxou á comunidade en 1924 co seu pai, quen a iniciou no mundo da fotografía, e foi traballando para The Hispanic Society of America cando comezou como fotógrafa do museo.
O seu traballo ten agora un gran valor por plasmar para a posteridade o día a día das galegas e galegos de principios do século XX.
O obxectivo, plasmar a vida das xentes, e en especial daqueles lugares onde era máis difícil acceder, como as localidades e vilas do rural. A paixón por este traballo ou quizais o bo facer de Anderson levárona a obter os mellores resultados de entre todos os profesionais que The Hispanic Society of America enviara á Península Ibérica, segundo escriben en Afundación, entidade anfitrioa da exposición. Unha expedición na que se faría ata con cinco mil instantáneas só en Galicia, con fotografías de decenas de municipios como Nigrán, Cangas, Tui, Pontevedra e Vigo, por poñer algún exemplo.
Das cinco viaxes que realizou a España, estaría dúas veces na comunidade galega, a segunda en 1926 co seu colega Frances Spalding. O seu traballo ten agora un gran valor xa que conseguiu plasmar para a posteridade o día a día das galegas e galegos, principalmente de zonas traballadoras e humildes, de principios do século XX.
De feito, o catálogo desta exposición obtivo o Premio Paraugas ao mellor libro de arte concedido polo Clúster da Comunicación Gráfica, mentres que The Hispanic Society of America, fundado en 1904 por Archer Milton Huntington, foi galardoada co Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2017.
No seu momento, entre as súas obras publicouse en 1939 un libro sobre estas dúas viaxes, Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and A Coruña. Nova York, The Hispanic Society of America. Xa en 1998 editaríase un novo Fotografías de Galicia 1924-1926. A Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe - The Hispanic Society of America.
A mostra actual pode verse no mesmo espazo onde tivo lugar a exposición "Fotógrafos da natureza 2016. European Wildlife Photographer of the Year", no Café Moderno Afundación de Pontevedra, na praza de San Xosé, 3. O horario será de 17:30 a 20:30 de luns a sábado, ampliándose as mañás dos sábados de 11 a 14 horas.
A exposición é de entrada gratuíta e permanecerá aberta desde o 2 de febreiro ata o 21 de abril de 2018. Fanse visitas guiadas tanto a grupos escolares como a persoas adultas con previa reserva, chamando ao 986 333 210. A exposición itinerante xa pasou por outras localidades de Galicia e da provincia como Vilagarcía de Arousa e Lalín.