A provincia acolle preto dunha vintena de exposicións de camelia ata o mes de abril
Tras a recente apertura do calendario de exposicións da camelia en Tui, organizada pola Sociedade Española da Camelia (SEC) en colaboración con outras entidades –entre elas a Deputación de Pontevedra– estas exposicións poderán visitarse en moi diversos puntos da provincia pontevedresa ata o mes de abril.
En concreto, será Domaio a seguinte localización en acoller esta exposición centrada na camelia e que, ademais da propia flor, permite contemplar outros produtos derivados. Neste caso o certame A Camelia en Domaio terá lugar o 28 e o 29 de xaneiro nas instalacións do colexio.
En febreiro o calendario chega marcado por catro propostas vinculadas á camelia. Esta mostra recalará, así, en Vilanova de Arousa (pavillón municipal, días 4 e 5), O Porriño (AA. VV. San Salvador de Torneiros, 11 e 12), Tomiño (18 e 19) e Soutomaior (castelo de Soutomaior, 18 e 19).
Xa en marzo o mes iníciase coa exposición de camelia e paisaxismo no Pazo de Rubianes (Vilagarcía de Arousa, do 2 ao 5), que dará paso á xa tradicional presenza desta mostra na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, prevista para o día 5. A continuación, será Salceda de Caselas a que, o 11 e o 12, mostre distintas variedades desta flor no auditorio municipal. Nestas mesmas xornadas poderá asistirse, ademais, á gala Camelia no Camiño, no albergue de peregrinos Virxe Peregrina de Pontevedra. Campolongo (14 ao 16) e o Pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia (Ven a Comer a Camelia, 25 e 26) toman o testemuño desta mostra.
Finalmente, o calendario culmina en abril na provincia con tres citas: a exposición de camelias Bella Otero, en Valga (auditorio municipal, 1 e 2); o Día da Camelia, en Ponteareas (1 e 2); e a Mostra da Camelia Cultural de Sanxenxo, no Círculo Cultural (13 e 14).