A ruta entre As Rías Baixas e Edimburgo roza o cheo no seu primeiro voo
As Rías Baixas están conectadas con Escocia por primeira vez na súa historia. O aeroporto de Peinador viviu hoxe unha xornada sen precedentes co despegamento do voo inaugural da ruta entre Vigo e Edimburgo, que opera a compañía de baixo custo irlandesa Ryanair. A ocupación desta saída demostra o tirón da conexión. Cubríronse un 92,5 % das prazas, 175 dun total de 189.
O acto estivo acompañado do bautismo da ligazón, co avión avanzando pola pista baixo dous grandes chorros de auga, como é habitual cando se estrea unha ruta. O voo a Edimburgo ofertará dúas frecuencias semanais, os mércores e os sábados, con saídas desde Vigo ás 11:20 horas, e desde a capital escocesa cara á provincia de Pontevedra ás 07:10.
A ruta é a quinta da aeroliña de baixo custo en Peinador. O domingo estreou a conexión con Milán-Bérgamo, que arrancou cun espectacular 98 % de ocupación (185 asentos con pasaxe, de 189). O mesmo día comezou a temporada de Dublín, que xa se ofertou en 2016, e tamén desde o pasado luns hai voo entre Peinador e Boloña, ligazón que opera por segunda temporada estival, do mesmo xeito que coa capital irlandesa. Todos eles teñen dúas frecuencias semanais. Ademais, Ryanair conecta a diario As Rías Baixas con Barcelona.
Á cerimonia inaugural do voo a Edimburgo asistiron entre outros a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o responsable de Vendas e Márketing para España de Ryanair , José Espartero, quen subliñou que os voos da compañía implantados en Peinador "son un éxito".
A provincia de Pontevedra gozará este ano por primeira vez de oito conexións internacionais. A Edimburgo, Dublín, Milán e Bérgamo uniranse no verán Londres, París e Roma, operadas por Air Nostrum. Completa a grella Lisboa, que realiza a diario a compañía portuguesa TAP.