A sexta edición do Desembarco Pirata asalta O Grove este fin de semana
Desde o venres ao domingo, O Grove convértese en escenario dunha auténtica batalla campal, a que recreará os asaltos que ocorreron en San Vicente nos anos 1799 e 1801. Naquel entón, os piratas saquearan a igrexa e a casa reitoral para levar consigo todos os obxectos de valor que se atoparon ao seu paso.
Para rememorar estes feitos, O Grove acolle así un desembarco –que vai pola súa sexta edición– no que convidan a todas as persoas visitantes a acudir, disfrazadas, para converterse en auténticos piratas. Desde o venres pola tarde, o Venres Negro ofrecerá unha noite de compras piratas na que non faltarán a música, a ambientación pirata e os xogos populares.
Ao día seguinte, un mercado pirata contará durante todo o día con postos artesáns e gastronómicos así como cun maratón de fotografía. Desde as 20 horas, comezará a representación teatral do desembarco pirata, na praia. Este repetirase ao mediodía do día seguinte.
Concurso de fotografía
O Desembarco Pirata do Grove contará ademais cun concurso de fotografía profesional, popular e selfies, dando á participación en redes sociais un peso destacado en parte das categorías.