A temporada de pesca de salmón no río Ulla abre cun campanu que se fixo agardar
O primeiro salmón da temporada de pesca no río Ulla –que abriu onte– fíxose agardar. A diferenza dos últimos anos, cando este exemplar coñecido como campanu foi realmente madrugador, neste caso, ao mediodía, todo facía presaxiar que a xornada inaugural terminaría sen capturas. O prognóstico cambiou pouco despois das catro da tarde, cando un pescador vigués logrou arrebatarlle ao leito un exemplar do peixe rosado.
Sucedeu no coto estradense de Ximonde, un dos preferidos polas pescadoras e pescadores. Desde o posto de Penedo Redondo, o deportista extraeu un exemplar de máis de 4 quilogramos de peso e 75 centímetros de lonxitude a pesar de que as previsións non eran boas, debido sobre todo ao baixo caudal do río para esta época do ano. Pescado con culleriña, este primeiro exemplar foi o único que puido extraerse do río Ulla na xornada da estrea da temporada de pesca.
Destacados ademais polo seu nivel paisaxístico, os cotos estradenses acollen estes días a numerosos deportistas tanto en Ximonde como en Couso, Sinde ou Santeles. Xunto a eles, son moitas as persoas visitantes que se achegan a estas zonas da ribeira do Ulla para contemplar a paisaxe ou practicar distintos deportes.