Lalín acolle o sábado o I Congreso de Montaña e Fotografía
Oito relatores vinculados á montaña, entre alpinistas, fotógrafos e exploradores, serán os encargados de expoñer ante o público as súas experiencias no I Congreso de Montaña e Fotografía que ten lugar en Lalín o 13 de xaneiro. O programa de conferencias distribúese en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 h, no salón teatro do auditorio municipal.
O encontro aúna dúas disciplinas que casan á perfección, o montañismo e a fotografía, e ten ademais un carácter solidario, xa que cada asistente deberá achegar un litro de leite para a Asociación O Mencer, de axuda a familias en situación desfavorecida. Coa entrada, as e os participantes entrarán no sorteo de varios artigos, desde un curso de rescate ata unha excursión en grupo polo Courel.
Relatores de prestixio
O I Congreso de Montaña e Fotografía conta coa participación de recoñecidos expertos en ambas as disciplinas: o alpinista galego Ramón Vila Anca; o alpinista e fotógrafo Víctor Barro, da editorial Desnivel; o fotógrafo e esquiador Abel Pereira, colaborador da web Nevasport; o explorador Fuco Reyes, fotógrafo gañador dos últimos premios LUX de fotografía profesional; Fran Nieto, fotógrafo especializado en natureza; un representante de ASC Bombeiros de Galicia; Pablo Mella, montañeiro e profesor de talleres de fotografía; e o fotógrafo de natureza José Pereira. O artista lalinense Benxamín Otero exercerá de condutor do evento.