As potencialidades do turismo náutico, a debate en Baiona
Representantes dos principais clubs e asociacións náuticas de Europa, xornalistas de diferentes países e representantes de organismos públicos das áreas de turismo reúnense en Baiona a última fin de semana de outubro para debater sobre a situación actual do turismo náutico e as potencialidades de Galicia para atraer navegantes europeos.
Con 1.700 quilómetros de costa, Galicia é unha comunidade marítima por excelencia, porto de paso e punto de escala dun gran número de embarcacións que, cada ano, procedentes do norte de Europa, viaxan cara ao Mediterráneo. Con 72 municipios costeiros, centos de quilómetros navegables e emprazamentos de especial interese para as actividades marítimas, Galicia adquire unha posición estratéxica para atraer unha gran porcentaxe do turismo náutico europeo. De feito, os europeos xa supoñen o 78 por cento dos barcos que transitan cada ano polas costas galegas.
O encontro está promovido pola Axencia de Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o Monte Real Club de Iates de Baiona.
Máis información en http://www.mrcyb.es/es/regatas/galicia-atlantic-destination-2017