Chegan as Depoandainas 2018 a Rías Baixas
As Depoandainas son un programa lúdico-deportivo gratuíto organizado pola Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo impulsar hábitos saudables á vez que fomenta o deporte e o contacto coa natureza.
Lonxe de ser unha actividade máis, a edición de 2017 pechou con 1.500 inscricións nas súas diferentes etapas no que as prazas se esgotaron en apenas 24 horas. Ademais, cada programa lévanos a unha zona diferente da provincia pontevedresa convertendo a camiñada nunha forma de dar a coñecer Rías Baixas e potenciar o turismo local. Na tempada 2017 os percorridos levaron ás persoas participantes entre xuño e novembro a A Illa de Arousa, Cambados, Vilaboa – Cíes, Tui – O Porriño e Soutomaior.
Unha das particularidades desta terceira edición é que os percorridos virarán ao redor dunha temática determinada vinculada co patrimonio local, xa sexa histórico, cultural, paisaxístico ou natural. A idea fai converxer a campaña de promoción turística Somos historias e os seus oito eixos temáticos con esta actividade de “turismo deportivo”.
Depoandainas 2018, rutas de sendeirismo pola provincia de Pontevedra
A primeira das rutas de sendeirismo pola provincia de Pontevedra terá lugar o 20 de maio e desenvolverase no municipio das Neves. O percorrido circular ten unha lonxitude duns 15,6 quilómetros e unha duración estimada de tres horas e media. A saída realizarase desde a casa do concello e a actividade transversal consistirá nunha charla de concienciación e sensibilización sobre a importancia da contorna natural e a prevención de incendios. Elixiuse esta charla para esta localización debido a que o municipio foi un dos maiores afectados nos pasados incendios de outubro de 2017. As inscricións poderanse realizar desde o 4 ao 16 de maio.
A edición de 2017 pechou con 1.500 inscricións nas súas diferentes etapas no que as prazas se esgotaron en apenas 24 horas
A segunda Depoandaina desenvolverase no mes de xuño e estará dividida en dous percorridos. O primeiro, de 6,5 quilómetros en Moaña, con saída no parque da Xunqueira, e o segundo nas Illas Cíes. Neste caso 8 quilómetros de lonxitude e no que terá lugar a charla sobre a importancia destas illas como Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA), e información sobre as especies que aniñan no parque natural. Non en balde, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas é unha das xoias da provincia de Pontevedra para amantes do turismo ornitolóxico.
A terceira ruta de sendeirismo lévanos ata o castelo de Sobroso o 8 de xullo. O percorrido comezará desde a casa do concello de Mondariz e ten unha lonxitude de 14 quilómetros. A charla virará ao redor desta fortificación, a súa historia, os seus personaxes e os eventos que ao redor do mesmo sucederon. As inscricións poderanse realizar desde o 11 de xuño ata o 4 de xullo.
O belo enclave da serra do Candán será o escenario para a cuarta Depoandaina o 9 de setembro. A saída será desde a parroquia de Bustelos e os seus 12 quilómetros discorrerán polos municipios de Lalín e Silleda. A charla transversal virará sobre o valor da fauna e flora local e incluirá un taller de “Shirin-Yoku” ou “Baño de bosque”. As inscricións permanecerán abertas desde o 9 de xullo ata o 5 de setembro.
A última ruta lévanos a Gondomar o 14 de outubro. De percorrido tamén circular, ten 12,4 quilómetros e nela impartirase unha charla–obradoiro sobre sendeirismo e orientación. Do mesmo xeito que o resto, as inscricións poderanse realizar a través da web da Deputación de Pontevedra, e neste caso do 10 de setembro ata o 3 de outubro.