Choiva de nomeamentos dos Festivais Rías Baixas aos Premios Fest
Os Festivais Rías Baixas volven a demostrar a súa alta calidade ao situarse con forza entre os mellores de todo o Estado en numerosas categorías dos Premios Fest. O Marisquiño, Atlantic Fest, Revenidas, PortAmérica, SonRíasBaixas y SinSal Son Estrella Galicia suman máis de 30 candidaturas a estes galardóns, o único recoñecemento especializado sobre os festivais de música que se celebran en España.
Os seis eventos citados do circuíto Rías Baixas Fests están nomeados entre os mellores nos seus respectivos formatos. Así, O Marisquiño, que trae aos mellores especialistas do mundo en distintas disciplinas de deporte urbano e este ano bateu récords de público con máis de 160.000 persoas, é candidato á distinción como mellor evento de gran formato, pelexando de xeito conxunto con outros 21 de gran prestixio como FIB, Mad Cool, Sonorama ou Resurrection Fest (este último gañador da edición pasada).
Revenidas, Atlantic Fest, SonRías Baixas e PortAmérica optan a ser distinguidos como mellores festivais de mediano formato, mentres que SinSal está no top dos "pequenos". Ademais, o evento da Illa de Arousa (Atlantic) figura entre os nomeados de mellor festival revelación.
Once artistas e bandas que actuaron nos Rías Baixas Fests optan ao mellor directo, entre eles Xoel, The Temper Trap, Estopa e Fantastic Negrito
Os premios distribúense en 20 categorías e hai 150 festivais nomeados. Ademais de acumular máis de 30 candidaturas, o cartel de Rías Baixas Fests incluíu actuacións dunha ducia de artistas e bandas que optan ao mellor directo. Así, entre os internacionais figuran The Temper Trap (Atlantic Fest), Dubioza Kolectiv (SonRías) e Fantastic Negrito (SinSal). Pola súa banda, entre a estatais figura Desakato (que actuou nas Revenidas), Os Planetas (Atlantic Fest), Estopa (SonRías), Terbutalina (SonRías), Xoel López, Iván Ferreiro, Depedro e Quique González (estes catro últimos en PortAmérica).
Longa lista de nomeamentos
As e os gañadores distínguense a partir da opinión do público e un xurado profesional. O prazo para a votación nas diferentes categorías vence mañá, de modo que apresurádevos quen apostedes polos Festivais Rías Baixas. O resultado decidirase o 12 de outubro, e o día 25 darase a coñecer nunha cerimonia no Estadio Bilbao Arena.
O seis eventos do circuíto das Rías Baixas están presentes en practicamente todos os apartados. O Marisquiño, como xa se dixo, colocouse entre os mellores eventos de gran formato, mentres que Atlantic Fest opta a festival revelación, mellor festival de mediano formato, mellor campaña de comunicación, mellores actividades paralelas, mellor zona de acampada, festival máis sustentable; e por xurado, a mellor activación da marca e maior achega turística á rexión.
Revenidas foi nomeado como mellor festival de mediano formato, mellores actividades paralelas e mellor zona de restauración dentro daquelas categorías nas que pode votar o público. Nas dependentes exclusivamente do xurado profesional figura entre os candidatos a mellor activación de marca (con Deleite e os concertos a bordo do Chasula), igualdade e diversidade de xénero, maior achega turística á rexión, e mellor acción social pola súa Gala Solidaria Flores para o Esquecemento.
PortAmérica está presente entre os mellores eventos de mediano formato, zona de restauración (participaron ata 30 chefs no seu Showrocking), sustentabilidade, actividades paralelas e campaña de comunicación. Por último, SinSal pugna polo título de mellor festival de pequeno formato, mellor campaña de comunicación, mellores actividades paralelas, festival máis sustentable e festival máis tecnolóxico.