Lonely Planet sitúa a Galicia entre os mellores destinos europeos e destaca a Cambados como Cidade Europea do Viño
Galicia é o terceiro mellor destino europeo do ano, e Cambados un aliciente especial para visitalo. Así o recolle no seu blog a prestixiosa guía Lonely Planet, que lle recomenda aos lectores viaxar este ano á comunidade galega e gozar da súa paisaxe, cultura, gastronomía e viños, facendo mención a que a localidade do Salnés foi distinguida como Cidade Europea do Viño 2017.
O podio de destinos europeos imprescindibles de Lonely Planet compono Zagreb (Croacia), Gotland (Suecia), e Galicia, por diante dos outros sete que completan a lista dos 10 mellores lugares do continente: norte de Montenegro, Leeds (Reino Unido), O Alentejo (Portugal), o norte de Alemaña, Moldavia, Pafos (Chipre) e Le Havre (Francia). Grandes medios internacionais, entre eles a BBC, CNN ou The Guardian, fixéronse eco da lista da coñecida guía para planificar unha viaxe a un destino europeo este ano.
De Galicia a recoñecida revista de viaxes fai mención concreta ao Camiño de Santiago e a Cambados. Galicia "cultiva algúns dos alimentos máis saborosos que xamais probarás, e os viños galegos proporcionan o acompañamento perfecto", destaca o artigo, titulado
Best in Europe (O mellor de Europa). E engade que 2017 é "un ano especial" para gozar da gastronomía da comunidade, con Cambados celebrando a súa declaración como Cidade Europea do Viño.
"Galicia cultiva algúns dos produtos máis saborosos que xamais probarás, e os viños son o acompañamento perfecto", resalta a revista
Os 1.000 quilómetros de costa serpeante, impresionantes acantilados, preciosas vilas mariñeiras e centos de praias son algúns dos atractivos que cita Lonely Planet na súa referencia sobre Galicia. "Case un país en si mesmo, posúe a súa propia lingua e historia, a súa música (coa gaita como principal instrumento), un impresionante patrimonio de arquitectura en pedra con centos de séculos, e unha xente incriblemente hospitalaria", reflicte a guía, que cualifica a esquina noroeste de España como "un cóctel paisaxístico, gastronómico e cultural único". Lonely Planet convida a exploralo a través do Camiño de Santiago e lembra que centos de miles de persoas cruzan os verdes campos de Galicia cada ano en ruta cara a cidade do Apóstolo a través do itinerario "mundialmente famoso".