Os segredos do té galego, no salón Etiqueta Negra
Pontevedra convértese esta fin de semana na capital dos produtos gourmet galegos coa organización da segunda edición de Etiqueta Negra, un salón dirixido tanto a profesionais da alimentación coma a consumidoras e consumidores. O encontro terá lugar no Recinto Feiral, de 11:00 a 20:20 horas, do 28 ao 30 de outubro, en horario ininterrompido.
Dentro da programación da feira, tras o éxito cultivado na convocatoria da pasada edición, a Deputación de Pontevedra organizará cinco obradoiros sobre o té galego para dar a coñecer as posibilidades de mercado deste produto que se realiza con camelias que crecen na Estación Fitopatolóxica Areeiro, en Pontevedra.
Para iso, instalarase unha tetería na que as catadoras de té Laura Rodríguez Rey e Alicia Colmenar impartirán sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa orixe, propiedades e forma correcta de preparalo. Hai 20 prazas dispoñibles en cada quenda e será imprescindible inscribirse con antelación na propia tetería.

Outras actividades
Expositores de produtos de alimentación de calidade, demostracións de cociña en directo, presentacións de novidades e intercambios comerciais son algunhas das actividades que se desenvolverán durante os tres días do salón, co fin de difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.
Apoiando a iniciativa estarán prestixiosos xefes de cociña, que elaborarán saborosas receitas con produtos galegos. Os chefs "estrela" Michelín Yayo Daporta e Luis Veira sorprenderán coas súas innovadoras combinacións; Inaki Bretal, chef de O Eirado da Leña, mostrará como despezar o peixe; Paco Chicón e Sergio Musso, do restaurante coruñés Eclectic, incorporarán a tradición culinaria da emigración; e Rubén González, de El Cafetín de la Alameda, elaborará diversas tapas creativas.
Os centros de formación de hostalería tamén participarán activamente no salón. Así, tanto o alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra coma o do taller de emprego Hostalería do Salnés IX ofrecerán senllas degustacións elaboradas cos diferentes produtos dos expositores da feira.
Etiqueta Negra é un evento organizado polo Concello de Pontevedra, que conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés, ademais doutras empresas.