Madrid apúntase á viaxe sensorial de "Somos historias"
Os versos de Rosalía de Castro, na voz da cantante gallegopalestina Najla Shami, resoaron en plena Gran Vía de Madrid para dar a benvida á campaña "Somos historias" da Deputación de Pontevedra. Prensa, operadores de turismo e empresariado galego déronse cita no Teatro Rialto, para asistir nun extraordinario ambiente á presentación, que conduciu o xornalista Xabier Fortes (pontevedrés e galardoado co Premio Ondas 2018). Xunto a el, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, explicou os distintos apartados da campaña, que vira en torno ao patrimonio e ten como símbolo o misterioso e milenario labirinto de Mogor (Marín).
"A nosa historia está escrita en pedra, paisaxe, lingua e cultura, por persoas como María Vinyals", describiu Silva, mencionando á escritora nada en 1875 no castelo de Soutomaior que protagoniza a curtametraxe "Somos historias". Este foi proxectado durante o acto, do mesmo xeito que os catro vídeos que forman parte da campaña: patrimonio natural, inmaterial, literario e etnográfico.
A cantante Najla Shami puxo a melodía, proxectáronse cinco vídeos, e ao termo degustáronse produtos de Rías Baixas maridados con albariño
Fortes propuxo "unha viaxe virtual e sensorial por esta terra máxica que é a provincia de Pontevedra" e destacou que condensa innumerables atractivos nos seus 4.500 quilómetros de territorio, e máis de 500 de costa. Castelos como o de Soutomaior ou Sobroso; fortalezas como Baiona ou Salvaterra; mosteiros, entre eles Carboeiro, Aciveiro ou Santa María de Oia; medio centenar de Festas de Interese Turístico, catro delas internacionais (Arribada, Rapa das Bestas, Romaría Viquinga de Catoira e alfombras florais do Corpus de Ponteareas) ou os castros foron algúns dos que citaron o xornalista e Carmela Silva.
A presidenta da Deputación remarcou o modelo de turismo sustentable que abandeira a institución. "Temos moitos tesouros gardados e queremos contarllos ao mundo, sendo sempre moi respectuosos co medio ambiente", relatou.
Escritoras e escritores como Julio Verne, Concepción Arenal, Valle-Inclán ou Cortázar estiveron vinculados á provincia de Pontevedra. Emilia Pardo Bazán, outro dos personaxes ilustres ligados ás Rías Baixas, veraneaba no balneario de Mondariz, un dos estandartes do termalismo deste territorio. Este episodio deu pé a destacar que a provincia é unha gran potencia termal.
Grandes paisaxes, Soutomaior… e "O Alemanote"
Os grandes espazos naturais como as Illas Cíes, o estuario do río Miño, a serra do Candán ou o complexo intermareal Umia-O Grove tamén foron protagonistas do acto, do mesmo xeito que os museos, co provincial á cabeza, e os pazos, moitos deles con belos xardíns incluídos na Ruta da Camelia.
O castelo de Soutomaior, que está en proceso de musealización e reabrirá antes da segunda quincena de maio, tivo así mesmo un lugar especial no acto. Silva e Fortes contaron ao público pinceladas da súa historia, a de personaxes como Pedro Madruga ou a propia María Vinyals, e a lenda da pantasma "O Alemanote", que aínda vagaría hoxe en día polo castelo.
"A provincia de Pontevedra son emocións, experiencias, soños, tradición, modernidade… Veñan e véxano", convidou a responsable da institución ao termo da presentación, xusto antes de que Najla Shami e o guitarrista Serxio Tanos mostrasen novas pezas do seu repertorio con influencias galegas, africanas e do jazz para pechar o acto de Gran Vía.
Gastronomía con selo Rías Baixas
Un ágape cun exquisito menú de produtos das Rías Baixas puxo o broche ao evento. Volandeiras, mexillóns, xurelo, lacón con grelos, empanada de tenreira eran algunhas das viandas que compoñían o exquisito menú, coroado con viños da denominación de orixe.
A campaña "Somos historias", que fixo a súa posta de longo en Vigo o pasado 28 de febreiro, fará proximamente novas escalas noutras cidades españolas e portuguesas dentro da promoción turística deste destino.