A Deputación deseña un plan de reactivación do turismo na provincia de Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu esta mañá a reunión telemática da Mesa Provincial de Turismo, durante a cal informou sobre a posta en marcha do estudo de impacto da COVID-19 no sector turístico “cara a poder activar con decisións serias o plan de reactivación do destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia”. A presidenta amosou o seu orgullo pola vontade dos sectores público e privado “de colaborar conxuntamente para saír da situación e o seu optimismo pola posición que mantemos con respecto a outros destinos”.
Silva instou “á cooperación público-privada para saír desta crise” e ofreceu o seu compromiso “para colaborar con outras administracións e demandar que lideren o apoio ao sector atendendo as súas competencias”. Na Mesa participaron representantes do sector público e privado da provincia coma a directora de Turismo da Xunta de Galicia, o alcalde de Baiona e representantes dos concellos de Cangas, Pontevedra e Sanxenxo, a presidenta da Mancomunidade do Salnés e alcaldesa de Meis, representantes do GALP Ría de Vigo e Ría de Pontevedra, representantes da Ruta do Viño, o presidente do Clúster de Turismo, o presidente de Feprohos, a presidenta de Aviturga, o presidente de Agavi, a directora do aeroporto de Vigo e os directores dos Centros Integrados de Formación Profesional Manuel Antonio e Carlos Oroza.
Carmela Silva describiu o plan de reactivación do destino, “que ten por obxectivo recompilar e analizar todos os estudos que neste eido se están a realizar a nivel local, autonómico, nacional e internacional, partindo de datos estatísticos e escoitando o sector público-privado”. A presidenta detallou que se desenvolverá unha enquisa en liña para coñecer a situación, as perspectivas e as necesidades das empresas e as entidades implicadas, entrevistas e grupos de traballo con axentes clave para contrastar a información, así como tamén unha análise DAFO.
A partir desta análise preliminar deseñarase unha long list cunha serie de accións ou medidas posibles para levar a cabo na provincia de Pontevedra, que se debaterán a través de grupos de traballo cos axentes clave do sector turístico. Posteriormente, tras escoitar o sector, estableceranse xa as accións concretas, nunha short list, para aplicar na provincia, saír da situación de paralización e reactivar o turismo. Segundo explicou a presidenta, a principios de maio estarán xa realizadas a análise e as listas coas iniciativas que se poñerán en marcha.
"En mellor posición que outros destinos"
“Estamos en mellor posición que outros destinos”, asegurou Carmela Silva, “porque podemos ofertar ese turismo que vai demandar a xente tras o confinamento: natureza, paisaxe, descanso, turismo rural, de interior, de costa, sensacións e experiencias”.
A este respecto, a presidenta reivindicou a necesidade de “reinventarnos e apostar pola seguridade en establecementos, equipamentos e espazos públicos para recuperar a confianza”. A presidenta amosou o seu orgullo pola “mirada humana” do sector turístico e comprometeuse a dedicarse “primeiro ás persoas, a garantir a súa saúde, e despois a todo o que ten que ver coa promoción da actividade económica, a xeración e a creación de emprego para poder redistribuír a riqueza”.
"Total lealdade institucional"
“Comprométome a seguir colaborando e traballando conxuntamente con todas as administracións públicas”, asegurou a presidenta, quen tamén informou de que “desde a total lealdade institucional, imos esixirlles a todas as administracións que o sector turístico teña unha formulación de saída da crise propia, porque a súa realidade é moi particular”. Ao respecto, Carmela Silva asegurou que lle fará todas as “esixencias ao Goberno de España, pero tamén á comunidade autónoma. Agora, todas as iniciativas que se poñan enriba da mesa teñen que ser consensuadas e acordadas. Isto non vai de protagonismos, de batallas por ocupar espazo, senón de traballar colaborativamente, sen confrontacións inútiles que non serven para nada”.
Pola súa banda, o conxunto de participantes nesta primeira Mesa telemática de Turismo da provincia agradeceulle á Deputación a posta en marcha da Mesa e do plan de reactivación e coincidiron coa presidenta en reivindicar a necesidade da colaboración entre administracións públicas, da lealdade institucional, da unidade e do traballo conxunto. O obxectivo é poñer en marcha un plan común onde todas e todos participen escoitando o sector turístico para saír desta complexa situación e recuperar a confianza das e dos visitantes.