Un percorrido pola historia galega da man de 16 mulleres históricas
Fazañas. Artísticas. Sociais. Literarias. Bélicas. Pero fazañas. Numerosas e con nome de muller. De muller galega. Así son os contidos que dan forma a unha ampla exposición, impulsada pola Deputación de Pontevedra, ao redor da muller galega na historia. A mostra aterra en Baiona e suma un novo motivo para visitar esta vila pontevedresa ligada ao mar.
Desde o 13 de febreiro ata o 2 de marzo as instalacións do CEIP de Belesar (Estivada) acollen este percorrido histórico conformado por distintos paneis. É o seu contido o que resume tamén a historia de Galicia. Faino mediante un fondo repaso da vida de 16 mulleres. Voces, femininas, que expoñen a vida dalgunhas das mulleres máis representativas da rexión. Elas son María Balteira, Inés de Castro, María Castaña, María Pita, María Soliña, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato, La Bella Otero, Ernestina Otero, Maruja Mallo, Enriqueta Otero, María Antonia Dans, María Casares, Xela Arias e Julia Minguillón.
Quen se achegue ata Baiona poderá gozar desta exposición, de luns a xoves, en horario de 16:00 a 18:00 horas. A loita de María Soliña contra as invasións corsarias ou o talento da pintora galega máis universal, Maruja Mallo, son algunhas das proezas das que un pode gozar mentres pasea diante destes paneis. Pero non as únicas.