Música con sabor galego e belga en Cambados
A gala que abrirá os actos de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017 terá un marcado acento musical con raíces galegas… e belgas. O evento, que se celebrará o 25 de marzo na emblemática Praza de Fefiñáns se non chove –en caso contrario trasladarase ao salón José Peña-, contará cun amplo programa e varias actuacións estelares, entre elas a de Susana Seivane, Rosa Cedrón, o grupo de pandereteiras Ialma e o gaiteiro Benoit, estes últimos fillos de emigrantes galegos en Bélxica.
Cambados acollerá case un centenar de actividades este ano para conmemorar a súa capitalidade vitivinícola. A gala, que estará conducida por Paco Lodeiro, será o pistoletazo de saída. O cartel inclúe a Esteban Batallán, Manso e Amigos, Abmirán, a Banda de Música de Castrelo e Ladrón de Guevara. Na praza quedarán dispostas 2.000 cadeiras, á parte do espazo habilitado para presenciar de pé o acontecemento, que poderá presenciarse tamén a través da páxina web municipal.
Na gala será estreada a banda sonora "A Cambados", composta por Xosé Carlos Seráns para a Cidade Europea do Viño. Interpretarana en directo a banda de Castrelo e o coro Gil Appasionati. Ademais, proxectarase o vídeo Cambados, feito a man, dirixido por Juan Galiñanes. Durante o día, como previa ao evento, celebraranse na localidade diferentes actividades e a reunión do consello de administración da Rede de Cidades Europeas do Viño, no que participarán delegacións de España, Italia e Portugal.