Novo récord turístico nas Rías Baixas na ponte do Pilar
Suma e segue. O turismo segue a vivir un ano dourado nas Rías Baixas. Se a Semana Santa e o verán xa deixaran os mellores datos da década de chegada de viaxeiros na provincia, a ponte do Pilar continuou a mesma liña, acadando unha ocupación histórica. Esta alcanzou o 85 %, o que representa doce puntos máis que en setembro, e mellor foi o resultado nos establecementos termais, onde a ocupación ascendeu ao 90 %, o que dá testemuño do atractivo das Rías Baixas para este tipo de turismo.
"Os datos son espectaculares", subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao dar conta do balance turístico durante a ponte, lamentando o tráxico final coa vaga de incendios que asolou a provincia.
Os viaxeiros doutras nacionalidades supuxeron o 9 % do total, e a maioría procedían do Reino Unido, Alemaña e Arxentina
As persoas que nos visitaron entre o 12 e o 15 de outubro pola festividade do Pilar son principalmente españolas (91,4 %) e proceden de Madrid, Zamora e Cantabria. Teñen entre os 35 e 60 anos (43 %), aloxáronse en hoteis (70 %) entre 4 e 6 días, e viñeron motivadas pola nosa oferta de ocio e a nosa cultura. En canto ás estranxeiras (9 %), proveñen, principalmente, do Reino Unido, Arxentina e Alemaña. Os lugares máis visitados foron Sanxenxo, Vigo, O Grove, Cambados e Poio.
Datos por comarcas
No Salnés a ocupación acadada foi do 88,16 %, e en vilas desta comarca como O Grove chegou ao cheo absoluto pola Festa do Marisco e por ser unha vila con gran número de establecementos termais. O Morrazo alcanzou o 93 %, Vigo o 92 %, Caldas o 90 %, Pontevedra o 88,7 %, O Condado-A Paradanta o 88 %, O Baixo Miño o 68 % e Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 68 %.
En canto ao turismo rural, no conxunto da provincia a porcentaxe de ocupación foi do 70 %. Por comarcas, O Baixo Miño acadou un 84 %, Pontevedra un 81 %, Caldas un 78 %, Vigo un 70 %, O Salnés un 70 %, O Morrazo un 65 %, Deza e Tabeirós-Terra de Montes un 55 % e O Condado e A Paradanta un 44 %.