O Grove recolle a historia da súa Festa do Marisco nunha mostra de 48 carteis
Nada en 1963, a Festa do Marisco do Grove é un dos eventos máis consolidados do panorama festivo e culinario da provincia. Cada ano centos de visitantes achéganse a esta localidade de Pontevedra para gozar dun dos manxares da gastronomía de Galicia: o marisco. Mentres se agarda pola nova edición do certame pode percorrerse a historia desta festa a través dos seus carteis. Ata o sábado permanecerán expostos na casa do concello.
En concreto, esta mostra recolle unha serie de 48 documentos representativos da traxectoria da Festa do Marisco e dispoñibles no arquivo municipal. Así, segundo os datos achegados desde o Concello, entre os carteis destacados nesta exposición figura unha peza deseñada por Lugrís para a apertura do evento, así como varias da autoría do artista local Gogue.
Cómpre sinalar que o Concello traballa na conservación destes carteis, así como na súa recuperación. Así mesmo, no Grove procedeuse á apertura provisional da oficina de turismo nas dependencias da casa do concello. A Festa do Marisco xa ten data: celebrarase entre o 5 e o 15 de outubro deste ano, co que se alcanzará a 54 edición do certame.
Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra
Á súa vez, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra conserva carteis do evento así como doutras celebracións ligadas á exaltación gastronómica do marisco. Podes velos aquí.