O Grove, recoñecido como o segundo mellor destino dog-friendly de España
O Concello do Grove foi distinguido como o segundo mellor destino de España dog-friendly, un recoñecemento outorgado pola axencia de viaxes Travel Guau para premiar as empresas e entidades públicas que traballan para facer do territorio español un destino de vacacións máis amigable coas mascotas.
Representantes do concello recollerán o premio Travel Guau durante a gala que se celebra o mércores 22 de novembro, ás 19:30 horas, no Museo Lázaro Galdiano de Madrid. Ademais do Grove, tamén resultou premiada, en primeiro lugar, a candidatura de Xixón, xunto con outras empresas e institucións que participaron nas categorías de establecementos, ONG e medios de comunicación, entre outras.
O Concello do Grove foi pioneiro na creación de praias caninas –as do Espiño e O Portiño– e puxo en marcha espazos públicos específicos para os cans, como o parque canino da Toxa, que dispón de xogos para mascotas. Na illa da Toxa tamén se celebra cada ano o Concurso Nacional Canino, que alcanzou o pasado mes de agosto a súa novena edición. Ademais, O Grove conta cunha residencia canina e unha ampla lista de establecementos pet friendly. Precisamente foi un deles, o Hotel Cons da Garda, o que tomou a iniciativa de presentar a candidatura do Grove aos premios Guau Travel.
Desde o concello, sinalaron que este recoñecemento supón un incentivo para seguir traballando en iniciativas e servizos que respondan as necesidades dos e das visitantes que viaxan coas súas mascotas.