Peinador operará ata 20 conexións aéreas este ano, oito delas internacionais
Peinador atópase en pleno desenvolvemento. O aeroporto de Vigo pechou 2016 cun balance de case un millón de pasaxeiros e incrementará este ano a súa oferta de voos ata alcanzar as vinte rutas, oito delas internacionais. As Rías Baixas estarán comunicadas con voos directos con Lisboa, Londres, París, Roma, Dublín, Edimburgo, Milán-Bérgamo e Boloña. Ademais, no mercado nacional ofrecerá enlaces con Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla, Málaga, Valencia, Alacante, Palma de Mallorca, Menorca, Ibiza, Gran Canaria e Tenerife.
Ryanair, dentro do seu convenio co Concello de Vigo, incorpora esta temporada Milán e Edimburgo á súa grella de voos en Peinador. Operará estas rutas entre finais de marzo e os últimos días de outubro, o mesmo período no que ofertará de novo os enlaces que puxo en marcha o ano pasado a Dublín e Boloña. A low cost irlandesa voa, ademais, todo o ano a diario a Barcelona, enlace que tamén realiza Vueling desde a terminal olívica.
As Rías Baixas contarán un ano máis con conexión directa con Lisboa, concretamente no período do 26 de marzo ao 28 de outubro, unha ruta que opera a aeroliña portuguesa TAP. Londres quedará cuberto entre xullo e setembro por Air Nostrum, que tamén voará a Roma –farao previamente en Semana Santa, o 13 e 17 de abril– e recupera o enlace de Peinador a París. Esta última conexión é unha das históricas de Peinador, desaparecida en 2015 tras a marcha de Air France, que chegou a operar catro frecuencias diarias.
O Concello, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, ten en marcha o proceso para que o aeroporto manteña as conexións con Palma de Mallorca, Ibiza e Valencia, que nos últimos tres anos operou Volotea. Iberia e Air Europa cobren a ruta directa con Madrid, mentres que Air Nostrum conecta tamén este ano As Rías Baixas con Bilbao, Sevilla, Málaga, Menorca e Alacante. Por outra banda, está pendente a confirmación das operacións de Air Europa con Tenerife, Palma e Alacante.
O aeroporto vigués experimentou en 2016 un espectacular crecemento ata situarse por encima dos 950.000 pasaxeiros, un 33 % máis que o exercicio anterior. As perspectivas, coas novas rutas, apuntan a que a terminal supere en 2017, como xa fixo anos atrás, o millón de viaxeiros.