Poesía, música e historia, na visita guiada a Santa Mariña Dozo
Un numeroso grupo de persoas asistiu o pasado sábado á visita guiada ao cemiterio cambadés de Santa Mariña Dozo, dirixida e comentada polo historiador Manuel Núñez. Na ruta tamén participaron a propia presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, xa que se tratou dun acto enmarcado na campaña turística "Visitas singulares Rías Baixas: cemiterios históricos", lanzada recentemente pola Deputación.
A visita permitiu coñecer as peculiaridades do recinto cambadés, que conta no seu interior coas ruínas dun templo do sigo XV de estilo gótico. Declarado Monumento Histórico-Artístico, destaca polos seus arcos decorados con ornamentacións en forma de bólas e esculturas con representacións de escenas bíblicas. A visita tivo, ademais, unha sorpresa inesperada, xa que o grupo Cómplices ofreceu unha pequena actuación no propio camposanto, na que musicou poemas de Valle-Inclán. O fillo do escritor atópase enterrado neste cemiterio, así como outros familiares do escritor.
Ao concluír a visita, celebrouse no auditorio de Cambados o concerto de Cómplices, Claves líricas, unha representación musical e poética de Valle-Inclán, elaborada por Teo Cardalda en colaboración cun dos netos do escritor arousán, Javier do Valle-Inclán.
A proposta "Visitas singulares Rías Baixas: cemiterios históricos" ofrece información sobre os camposantos con interese cultural da provincia, con obxecto de facilitar a visita turística a estes espazos. Ademais do cemiterio de Santa Mariña, tamén están incluídos na proposta o cemiterio dos ingleses de Vilagarcía de Arousa, o de San Mauro en Pontevedra, o cemiterio de Pereiró en Vigo, o cemiterio dos Eidos en Redondela e o de Arcos de Furcos en Cuntis. Con esta iniciativa, búscase desestacionalizar o turismo na provincia e ofrecer alternativas que se aparten dos estereotipos.