Ponte Caldelas convídanos a descubrir o singular petróglifo de Laxe das Cruces
Un dos recursos turísticos menos coñecidos de Ponte Caldelas é, probablemente, o seu legado arqueolóxico, aínda que o concello conta no seu territorio cun parque rupestre de gran interese: a área Arqueolóxica de Tourón. Trátase dun xacemento de 150.000 metros cadrados que ofrece a posibilidade de visitar cinco estacións rupestres con gravados e que dispón, ademais, dun pequeno centro de interpretación.
Do rico conxunto de gravados do parque, o máis importante é o petróglifo de Laxe das Cruces, cuxa contorna foi obxecto recentemente de labores de limpeza e roza para que luza en todo o seu esplendor. Afortunadamente, a zona apenas resultou afectada polos incendios.
Os expertos consideran o petróglifo de Laxe das Cruces como un dos mellores e máis completos petróglifos de Galicia, fundamentalmente pola súa complexidade. Nunha rocha de gran tamaño mestúranse figuras xeométricas moi elaboradas e variadas con escenas de caza, e todo iso cun gran cervo como figura central. A representación do animal é unha rareza na súa tipoloxía, xa que está gravado co corpo baleirado, no canto de estar unicamente definido polo trazo do perímetro.
Tamén destaca o petróglifo Nabal de Martiño, que é de gran tamaño e reproduce escenas de caza. Xunto aos dous que mencionamos, atópanse outros gravados rupestres de menor tamaño, todos eles sinalizados e identificados para a súa correcta comprensión e interpretación e ordenados en estacións rupestres.
Desde Ponte Caldelas convidan a todas as persoas interesadas no mundo da arqueoloxía para descubrir a área de Tourón e estenden a invitación a todos os centros de ensino galegos.